acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Retallos daquela infancia, Bautista Álvarez
O pasado 14 de febreiro, a Asociación Cultural O Castro convocounos en Vigo á presentación de Retallos daquela infancia, a primeira obra narrativa de ficción que publica Bautista Álvarez. Coñecimos así a Bautista Álvarez como escritor de ficción, pois como ensaísta conta xa con dilatada traxectoria, entre a que salientei na presentación un ensaio sobre Os vellos non deben de namorarse, publicado na revista Primer acto, por ser esta achega de Bautista Álvarez unha das máis descoñecidas, probabelmente.

Retallos daquela infancia é un conxunto de narracións que beben directamente da nosa tradición literaria oral, feito que emparenta esta obra literaria con antecendentes como Anxel Fole ou Álvaro Cunqueiro, autores que en palabras de Francisco Rodríguez “representan a grandes fabuladores que transmitiron a riqueza máxica da nosa concepción do mundo e o enlevo dos nosos tipos e situacións tradicionais...”( Literatura galega contemporánea (problemas de método e interpretación), 1990).

Mais que ninguén pense que o feito de estar estes relatos fundamentados nas estruturas e xeitos de contar da literatura oral e popular é unha clasificación que os sitúa a diferente nivel do que adoitamos considerar LITERATURA, así, con letras maiúsculas. Como di Marcial Gondar: “Cómpre, en primeiro lugar, non esquecer que a literatura popular, a diferenza da maioría da culta, non se esgota na estética e na estilística, senón que acostuma ser sempre literatura de combate, isto é, arma de arrebolar que nos serve para atacar ou defendernos, nunha palabra, para andar pola vida. Non é, pois, posíbel analizar a literatura popular sen ter en conta a súa conexión coa realidade, o seu contexto de uso.” ( “As narrativas sobre a Morte na cultura tradicional. Semántica e Pragmática da Ars moriendi galega”, Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas, Escrita contemporánea, 2005).

Fole e Cunqueiro, tamén a pegada de Castelao atopo eu nestes relatos. O narrador de Retallos é un narrador omnisciente, que dialoga coa lectora, explícalle as súas digresións, pide desculpas, avisa para que non lean os máis pequenos, un autor que ten un xeito de narrar que nace da oralidade. Cando Manuel María estuda a obra e a figura de Anxel Fole, reproduce unhas palabras de Pilar Vázquez Cuesta que tamén lle acaen á obra de Bautista: “os contos ... semellan transcricións de relatos orais, historias escoitadas ... que o autor se limitou a poñer por escrito.” (“A recuperación da narrativa en galego: Anxel Fole”, Historia da literatura galega, 1996) E se se asemella a Fole neste xeito de contar, tamén o fai cando bota man dunha lingua coidada e ancorada na fala das xentes de Loucía.

Como Fole, Bautista retrata a través destes relatos a Galiza da súa infancia, vai deixando ante nós como pezas dun crebacabezas estes textos que compoñen o mural do mundo rural en que el naceu e se criou, onde a relación coa morte era algo natural. Son varios os relatos que se artellan ao redor de historias de mortos ou mortas, lembrándonos algúns deles o Castelao de Un ollo de vidro. Así o sentín eu lendo “O panteón das martiñas” que comeza deste xeito: “Vou levantar o pano para que o lector poida contemplar o decorado antes de que os actores saian ao escenario. O teatro no que se vai representar é o cemiterio de Las. O daqueles tempos nos que o Camposanto tiña máis de campo que de santo.” (páx. 157).

E ao falarmos da temática da morte, quero volver traer aquí novamente as palabras de Gondar: “Un dos trazos característicos da cultura moderna urbana occidental é a ocultación de todo aquilo que ten relación coa morte... hoxe en día, cada vez máis, a morte é considerada como un suceso privado”. Podemos entón concluír que esta obra de Bautista é literatura de combate, no sentido expresado por Gondar, para defendernos dos perigos que conlevan os tempos modernos que nos conducen ao individualismo e, por tanto, a renegar de todo o que é colectivo e que como tal é a nosa ferramenta de defensa e transformación da realidade en que vivimos?. Aínda que sexa arriscado, direi que si. Que finalmente estes relatos son unha aposta por traer a este tempo presente cada vez máis urbanita e individualista as historias dun tempo que esmorece e leva canda si a nosa identidade.

Mais se esta liña combativa non está expresa, si o está aquela que leva ao relato a posición política do autor. No relato “O carniceiro de Figueroa”, de título ben elocuente, o autor advírtenos desde o inicio: “Non vou permitirlle ningunha licenza á imaxinación. Non quero brincadeiras. A historia que vou contar está tomada integramente da realidade. Nin sequera pretendo ocultar os nomes reais tras de pseudónimos inventados. Por unha simple razón. Quero que o meu escrito sexa unha especie de patíbulo póstumo para quen se foi para o outro mundo sen recibir o que neste tiña merecido. Ímonos remontar aos tempos da gran carnizaría...” (páx. 79).

Tradición, oralidade, mitoloxía da morte, mais tamén dardos afiados ás conciencias, propios do Bautista que coñecemos a través da súa escrita xornalística e ensaística, como a crítica á situación da lingua: “ A augardente era unha bebida que disimulaba moito... A función terapéutica deste licor perdeuse cando ao noso bagazo lle empezaron a chamar orujo” (p.p. 161-162); “Daquela rezábase na lingua de Cicerón, por ser a única que entendía Deus. Coas ocupacións que tiña que atender no noso mundo e no de fóra non lle quedara tempo de ir á escola. E cando empezou a aprender idiomas, a liturxia pasou de Cicerón a Lope de Vega. A lingua de Rosalía agarda cola detrás do esperanto para poder entrar na Igrexa” A lectora, o lector gozarán destes relatos en que o humor tamén está moi presente. Relatos que fieis á técnica que caracteriza este tipo de narrativa, gardan para o final a súa sorpresa, moitas veces cun toque de humor que vira o relato e nos deixa un sorriso na boca.

Artigo publicado o 30 de marzo de 2014 en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 31-03-2014 07:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática