acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Marzo escuro
Sobre unha fotografía de Mercedes Leobalde
Marzo escuro. A miña contribución ao 8 de marzo de 2014:

Nestes días en que o inverno comeza a despedirse, retomamos as palabras para falar de marzo. E talvez debera ser marzo todos os meses do ano, cada día e cada hora, un marzo que for consciencia da situación real da muller, un xesto decidido para denunciar que seguimos sen ter os mesmos dereitos cá outra metade da humanidade. Un marzo para levantar muros contra a violencia, deter o terrorismo machista que nos maltrata e nos mata. Un marzo para comprobar que os conceptos de que nos dotamos: invisibilidade, teito de cristal... seguen estando aí e que se a crise económica está ao servizo da destrución dos avances sociais que colectivamente fomos quen de acadar para o conxunto da humanidade, é coa muller e coa súa precaria situación laboral coa que é máis virulenta.

Esta mesma semana a CIG presentaba un informe demoledor cun titular espantoso: 58.000 mulleres galegas de entre 15 e 34 víronse obrigadas a emigrar. As mozas galegas deben abandonar o seu país para poder vivir. E que será de Galiza sen a súa mocidade? Xa Castelao reflexionou no seu día sobre o empobrecemento que para un país significa perder a súa mocidade na emigración. Rosalía Castro, Curros, Manuel María denunciaron ao longo dos séculos esta lacra, o resultado dunha política nefasta para o noso país, unha política que segue a destruílo e impide que poidamos crecer e sermos o que realmente somos, un país rico con medios para se sustentar a si mesmo.

Nese mesmo informe da CIG queda constancia de que a taxa de paro feminino creceu un 1,5 % no último ano, situándose no dobre da de 2008. E isto, considerando que, como diciamos, 58.000 mozas galegas desapareceron do padrón de habitantes. As que quedan comproban día tras día o deterioro das condicións laborais, que se suman, a existencia de convenios que, en sectores feminizados, ostentan as peores condicións laborais e os salarios máis baixos (que en moitos casos rozan o Salario Mínimo Interprofesional). O informe tamén denuncia que se reducen as axudas públicas ás persoas dependentes facendo recaer, unha vez máis, a responsabilidade do seu coidado nas mulleres. Por certo que mesmo nestas axudas públicas paira a discriminación, pois as mulleres que cobran unha pensión contributiva ingresan unha media de 574 €, o 53,7% do que ingresan os homes, sen considerar o elevado número de mulleres que só ingresan 366 euros ao mes, como pensión non contributiva.

E isto é marzo en 2014. Unha nova constatación de que aínda queda moito camiño por andar, de que non hai espazo nin tempo que non requira da visibilización da denuncia de que aínda non estamos onde nos corresponde, de que é preciso seguir traballando e utilizando ferramentas que conciencien e eduquen, que nos apoien e nos permitan avanzar. Xusto na dirección contraria do que fai o actual goberno que pretende devolvernos á caverna antediluviana, impedíndonos agora unha decisión fundamental como é sermos nós quen consideremos cando e como queremos ser nais.

Este marzo é unha parábola da involución.

Mais eu, quero rematar estas palabras recuperando a memoria das que non están, a dez anos da ausencia de Xela e de Luísa, neste mes de marzo en que Xela Arias cumpriría anos, en Luísa Villalta faleceu. Elas empregaron a palabra poética como compromiso co seu pobo e o seu xénero. Relelas, declamar os seus versos, será o antídoto contra este tempo escuro en que aínda vivimos.

nada pode explicar
que nos falten as rosas
os seus corpos erguidos
na soidade do inverno
a súa cor na tarde
que agora é máis escura
os pétalos suaves
coroando as espiñas

Marzo 2014
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 10-03-2014 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática