acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

8 de marzo por un aborto libre e gratuíto
Foto de Xan Lois Lomba Alonso
Sucedeu que Argola acabou por publicarse a finais de 2013, ano en que o goberno en Madrid dicidiu modificar a Lei do aborto para recortar os dereitos das mulleres e a nosa capacidade de decisión. E en Argola hai poemas que lle cadran a este tempo. Como aquel en que a avoa lle entrega á neta unha planta de ruda. Ese foi o poema que lin esta mañá de 8 de marzo, en Goián, na Camiñada que Galiza Nova do Baixo Miño organizou para reclamar o dereito ao aborto libre e gratuíto.

(foto de Xan Lois Lomba Alonso)



OCULTA entre os lenzos
viña a pequena planta da ruda

a avoa insistira en que eu mesma a chantase na terra mol

ela separara coas súas propias mans
o talo aveludado
da terra salgada de noso

cando o frío asexaba na porta da casa
contra a escuridade da noite falangueira
ela quentaba auga sobre as brasas de carballo
para logo pousar, case con mimo
as follas secas de ruda que gardaba entre as súas roupas

aprendeume as tisanas e as compresas
díxome en segredo os beneficios da ruda
facéndome xurar
que nunca contaría aquelas conversas esquivas
que nacían entre as lapas
á sombra do sono dos adultos

a avoa procurábame á noite
envurullábame no mantón
levábame en silencio até a lareira
aquel lugar de maxia e de fantasmas
onde a memoria pairaba como a cinza
cubríndoo completamente todo
penetrándome a través da farinxe delicada
instalándose nos bronquios, en cada un dos alvéolos
para asegurarse de que a través do sangue
acadaba cada célula do ser
alimentando músculo e óso
tecido e linfa
como a madeixa de la que se converte en prenda
e envolve o corpo enteiro no seu tacto cálido

respirei a cinza da memoria
impregneime da cinza dos corpos insepultos
toquei, coas miñas mans pequenas, as reliquias dos avós
que morreran loitando contra o Imperio

enzoufei o meu rostro coa cinza das mulleres violadas no cume da conquista
e doeume entre as pernas o sangue morto da inxustiza consumada
mentres se desgarraba retorcéndose
un feto concibido sen amor

eu mesma puxen na terra a ruda
tal e como a avoa me aprendera
sentindo de novo no máis fondo do meu útero
a dor do corpo que se nega á fecundidade
un pranto radical de nai desamparada
o berro grave dunha muller ferida para sempre

o segredo da miña virxindade incorruptíbel
funil de seda polo que escorrega a area do meu tempo cativo
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 08-03-2014 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática