acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Falándolle a Xela
imaxe de Lois Ariasfálame do equilibrio
agora que non estás
desde a intocábel distancia
da morte

como acadar
o centro da ingravidez
e ignorar o desalento

tal vez coñezas a fórmula
da paz
os seus contornos ásperos

non me importaría tremer
ante o abecedario
se as túas palabras nacen
e deseñan para min
o alento cálido e lento
co que termar das horas
e poñer proa ao pánico
mentres o tempo avanza

cara ao inverno




Escribín este poema o 30 de setembro do ano 2008 (máis tarde formaría parte do libro Acuiática alma). Gardo a memoria do lugar en que estaba, sentada no meu coche, de libreta na man agarrando aquel instante, en Goián. Sei que tiña a Xela na memoria. Que mentres escribía, era con ela con quen dialogaba.

Lembrei onte este poema, na súa casa, rodeada dos seus. Agora déixoo aquí, como pretexto para dicir que hoxe, en tempo de entroido como cando naceu, cumpriría 52 anos.

A imaxe, foi feita por Lois Arias, en Oia, en 2003.

O vindeiro 11 de marzo a AELG organiza unha homenaxe a Xela Arias en Vigo, ás 19:00 horas no IES Álvaro Cunqueiro.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 04-03-2014 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática