acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

presentación de Miguel Anxo Mouriño

Escravizando lectores.

Así foi como titulou Miguel Anxo Mouriño o texto que leu na presentación de Argola en Gondomar.

ESCRAVIZANDO LECTORES
(Sobre o poemario Argola de Marta Dacosta)

Galicia está mediatizada pola auga, que flúe e inflúe no país onde se prodiga modulando a paisaxe, e cicela a xente que o conforma (e, con frecuencia, deforma) moldeando a nosa idiosincrasia e matizando a nosa cultura, crenzas, medos, ilusións, ... Galicia non se comprende sen a auga dos seus mares, dos seus ríos, do seu clima, dos seus pozos, dos seus mananciais, porque é con ela que se perfecciona e completa.

Isto sábeo e sénteo na súa alma (acuática, como sabedes) Marta, amante da líquida materia, coa que convive a diario e con ela comparte algúns dos momentos máis excitantes e gratificantes da vida, os momentos da creación literaria, pois a auga (o mar, o río, as pozas ...) está presente en todas as súas obras...

o libro que hoxe presentamos denuncia un tipo de escravización no que a persoa afectada é, aparentemente, favorecida con bens materiais a custa de renunciar; renunciar á terra, renunciar á cultura, renunciar á familia, renunciar á autenticidade, .... mesmo renunciar ao amor. Podemos evocar ao longo da historia infinidade de escravizacións coma esta: dende a doma de Galicia, na que os nobres chamados a conducila foron expatriados mediante saborosas compensacións, ata o retiro dourado dalgúns líderes incómodos ou obsoletos; dende a sede imperialista dos conquistadores ata a pacificación de Iraq; dende a aceptación de postos ou tarefas incompatibles cos propios principios ata o abandono do deber de transmisión da cultura porque é mellor para os cativos.

...

Os poemas que nos guían por este mundo teñen a forza expresiva de quen molla a tinta na profundidade das entrañas, de quen profesa na autenticidade e no compromiso. Non se prodiga a autora en redaccións ampulosas e rebuscadas; o seu estilo é coma ela: directo, espontáneo, sen recorrer a innecesarias retóricas. As palabras, os versos, nacen nos mananciais salvaxes das serras atlánticas de solpores salgados e flúen con forza sobre o álveo de granito abeirado de toxos e fentos, de malvas e margaridas, mantendo incólume todo o seu frescor ata deitar no mar letraferido o seu tesouro acuático.

O dominio da palabra, o oficio de escritora, o coñecemento da lingua, que modela e perfecciona constantemente, conseguen unha obra atractiva que deixa ese sabor de boca gratificante de interese e calidade.

Este ben facer permítelle perseguir, como todos os escritores, unha outra escravización, esta amable e gratificante, a escravización do lector, obrigándoo a somerxerse unha e outra vez nese mar literario por ela aseñorado, profundo e salgado como aquel

que o sol escolleu para morrer / xusto onde o mundo acaba.



Aquí tedes o enlace completo: páxina do IEM.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 11-02-2014 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática