acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Marchamos contra a LOMCE
Estamos na recta final da aprobación da LOMCE e temos a responsabilidade de facer visíbel a nosa oposición.

Cheguei á Universidade con escasos coñecementos da historia do meu país, a maior parte deles adquiridos grazas ao traballo realizado polo profesorado de galego, o único que naqueles anos me falaba na miña lingua e da miña realidade.

O mesmo aconteceu coa xeografía de Galiza. Tiven que memorizar até o castigo da copia reiterada os nomes dos afluentes dos ríos do Mediterráneo, ou do centro da Península, mais ninguén me falaba do Umia, Ulla, Sar, Tambre, Xallas, etc. E outros tantos accidentes e lugares deste país noso que non aparecía nos libros.

Foi unha eiva. Durante anos sentinme frustrada polo meu descoñecemento. E aínda hoxe estou segura que son moitas as cousas que aínda teño que aprender.

Lémbrome de todo isto cando vexo cal é a intencionalidade da LOMCE non podo máis que pensar no sistema educativo no que me tocou estudar, un sistema no que a nosa lingua non estaba presente máis alá da materia que a estudaba, e que me formaba ignorando a realidade que me rodeaba, facendo de min unha persoa que non se recoñecía na súa contorna.

Cando leo a LOMCE, penso que xustamente se pretende volver a iso, un sistema educativo uniformizador que desarraiga as nenas e os nenos da súa realidade, converténdoos en recitadores de respostas correctas para superar as reválidas que lles permitan seguir continuando os seus estudos, se a situación económica da familia é axeitada. Unha especie de autómatas memorizadores cegos para o mundo que os rodea.

Robots provistos de calculadora para sumar e restar ingresos e gastos e afanarse o resto da súa vida por ter diñeiro para pagar as facturas do médico e da escola. Seres alienados na súa pobreza destinados a ser man de obra barata. Obreiras e obreiros explotados con salarios cada vez máis baixos e escasos dereitos.

A sociedade perfecta para o capitalismo. Masas de escravos da súa propia miseria incapaces de tomar o poder.

E nós, que vemos con claridade cal é o destino que pretenden darlle ás nosas fillas e fillos, ás nosas netas e netos, ao noso país, temos a responsabilidade de erguer a nosa voz e saír á rúa, para deixar constancia de que rexeitamos esta manipulación legal que pretende afogarnos.

Esta sábado 28 temos unha nova oportunidade para trasladar a nosa oposición a esta proposta de lei. A marcha á que nos convoca a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público permitiranos dicir unha vez máis que estamos en contra da privatización do ensino público, da eliminación da igualdade de oportunidades, de que se ningunee a nosa lingua, de que cada vez estea máis presente a relixión nas aulas ou de que os centros educativos se convirtan en empresas das que se desterrará a xestión democrática.

Eu non pedirei a dimisión do ministro, porque non é unha decisión do ministro, é a decisión dun partido no goberno. Así que lle vou pedir a retirada do anteproxecto da lei, mais voullo pedir a quen me goberna e representa: a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, porque o seu cometido sería escoitarnos e atender as nosas demandas, para logo trasladalas a quen elabora a lei e dicirlle que Galiza non está de acordo, que refuga a súa proposta.

Porque a Consellaría de Educación da Xunta que nos goberna é a responsábel de que este tema non se tratase no Consello Escolar de Galiza e non se puidesen posicionar os distintos sectores que o integran.

Porque a Consellaría é culpábel da situación do idioma aprobando unilateralmente un Decreto, hoxe anulado parcialmente polos tribunais, que servíu de inspiración para a redución por trilingüismo na LOMCE.

Porque a Consellaría de Educación xa está aplicando a LOMCE, antes de que exista mesmo, ao incumprir a sentenza do Supremo e manterlle os concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por sexo.

Porque a Consellaría de Educación é quen aumenta o profesorado de relixión, mentres se reduce o resto do profesorado, camiñando xa cara unha maior confesionalidade dos centros.

Porque a Consellaría de Educación é a adiantada do Estado tamén na privatización, concedendo ciclos formativos a centros privados, que segregan o alumnado por sexo, mentres llos negan aos públicos que teñen profesorado e instalacións. Ou introducen empresas privadas para facer actividades de inglés dentro do horario escolar, mentres os profesores especialistas en lingua inglesa engrosan as listaxes do paro.

Porque a Consellaría de Educación recorta os nosos dereitos ao uso do comedor e introduce a arbitrariedade na admisión do alumnado.

Porque a Consellaría de Educación reduce unha vez máis os salarios das súas traballadoras e traballadores, nun alarde de desprezo á súa profesionalidade e aos seus dereitos de representación.

Porque a Consellaría de Educación, a Xunta de Galiza podería estar en contra da aprobación desta lei e deixar constancia desta oposición.

Eu o 28 de setembro marcharei a Compostela desde a Ponte da Rocha, canda as miñas compañeiras e compañeiros do Sur. Porque estou en contra da LOMCE e en contra deste goberno da Xunta que a ampara.

Setembro de 2013

Artigo publicado en Terra e Tempo e valminor.info
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-09-2013 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática