acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Artigo do 25 de xullo
O pasado 25 de xullo correspondíame publicar no Terra e tempo. Así que coa antelacións suficiente enviei o artigo. Desta vez, mesmo fun madrugadora e xa o enviei o día 23, porque o 24 ía ter traballo e non podería envialo en tempo.

O artigo falaba da data que iamos celebrar, contextualizada no momento actual, o nacemento da iniciativa Galiza pola Soberanía.

Mais o caos (non o azar) quixo que o 25 non saíramos á rúa como sempre saímos e que as nosas palabras quedasen afogadas nun lago de dor e de impotencia.

Até hoxe non me atrevín a enlazazr o artigo. Aquí queda a miña reflexión para un día que prevía de emoción e encontros, de celebración. De reivindicación de soberanía plena tamén para sabermos o porqué desta traxedia. Para comprobarmos, outra vez, que o noso pobo é o mellor que temos.


A Nosa Terra é nosa

O pasado 20 de xullo, foi presentada publicamente en Compostela a iniciativa Galiza pola Soberanía. Cunha roda de prensa nacional, en que tres persoas da Coordinadora deron lectura ao manifesto e ás liñas de intervención, e convidaron a expandir esta iniciativa nas celebracións patrióticas do 25 de xullo dando lectura ao manifesto, comezaba a súa posta en marcha. Galiza pola soberanía convidou tamén a facermos visíbeis as bandeiras da patria e a participarmos masivamente nas celebracións patrióticas do 25.

As e os promotores da iniciativa eliximos intencionadamente o mes de xullo para facer esta presentación pública. Porque esta iniciativa vai procurar as súas raíces nos elementos identitarios que nos definen: a bandeira azul e branca de estrela vermella, a celebración do día da patria. Precisamente por iso escollemos tamén os versos de Cabanillas, do poema “En pé!” (1917): “berremos alto e forte // a nosa terra e nosa!”. Uns versos pertencentes a Da terra asoballada, obra que se sitúa no que denominamos Segundo Renacemento (1914-1939) período caracterizado pola consolidación da ideoloxía nacionalista e no que conviven diferentes xeracións literarias que nos deixaron un legado que hoxe debemos recuperar.
Á miña memoria acode o traballo ciclópeo dos irmáns entregados á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra, poética ou teatral, narrativa ou ensaística, é a mostra do seu compromiso, de tantos proxectos colectivos que encetaron a empresa da construción nacional. Pensaron, actuaron, escribiron, e unha mordaza fascista silenciounos, mesmo definitivamente, para impedir que a nosa Terra fose nosa. Sinto que lles debemos aos irmáns de entón a responsabilidade de recollermos o seu facho e continuar, alicerzando o noso discurso nas súas palabras. Por iso pronunciamos tamén as palabras de Castelao: Galiza é unha nación e como tal é soberana e ten dereito a se organizar sen máis límites que os derivados do respecto ao dereito igual das demais nacións e, por conseguinte, non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico.

Como escritora, vexo Galiza pola soberanía como a continuidade do proceso iniciado en 1916, cando o 18 de maio, na Coruña, no local social da Academia, fundábase a “Hirmandá de Amigos da Fala”. Carvalho Calero dá conta deste feito na Historia da Literatura galega contemporánea (Galaxia, 1981): “Un pulo decisivo neste terreo prodúcese en 1916, cando as campañas de Antonio Villar Ponte ocasionan a fundación das “Irmandades da Fala”, que, xurdidas na Cruña, esténdese a toda Galicia. Esta organización, conforme indica o seu nome, tiña como finalidade esencial a esaltación e fomento do idioma, combinado con todo un plan de rexeneración do país”.

Idioma e nación, nación e idioma, unidos e indisolúbeis, “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma” que dixera Castelao. E sempre a un tempo agroman as dúas reivindicacións. Así tamén cando lemos na Correspondencia de Manuel Antonio unha carta a el dirixida de José Romero Lema en que dá conta dunha Xuntanza escolar nazonalista en Compostela, que tería lugar o 26 de xaneiro de 1919. Relata o acto e sinala que as conclusións foron: “1ª Pedirlle ó Goberno o creamento d’unha cátedra de Literatura e Língua Gallega. 2ª Pedirlle a Autonomía integral pra Galicia” (Manuel-Antonio, Correspondencia III, Galaxia, 1979).

Hai xustamente cen anos que Cabanillas publicaba o seu primeiro libro, No desterro, un título que dos dá unha clara visión do que foron os anos en Cuba para o poeta, que talvez emigrara á illa non só por motivos económicos, senón tamén para evitar as represalias pola súas posicións anticaciquís. O primeiro poema do libro, “Camiño adiante...”, describe a partida do labrego, “o pensamento/na chouza en que viveu seus anos mozos, / o amor á terra en que naceu no peito,”, un poema que remata coa esperanzadora seguridade de que trunfará “na loita que en si leva”. Esta seguridade daquel 1913, contrasta co poema “Vía Crucis” publicado na segunda edición de Da terra asoballada, (1926). O poema, dedicado a Castelao, di:

Galicia rube ó Calvario.
Non leva ás costas a cruz do Nazareno:
leva o seu mantelo probe,
leva o seu mantelo vello.
Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secóuse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos.
Non prega nin pon xusticia.
É mal da alma, é mal do desespero.

Batede no corazón;
poñédevos de xoenllos
e perguntái con santo amor de fillos,
alá no fondo, alá dentro
onde resoan cristaíñas, craras,
a voz da Raza, a voz do sentimento,
a voz da nosa Terra
máis forte que a oración, que a lei, que o ferro...
decídelle á vosa sangre
¿Son chegados os tempos?
(citado de Ramón Cabanillas, Obras completas I, 1979, Akal Editor)

Case un século despois, ao pé das escaleiras que de Praterías levan á fachada románica da catedral respondemos nunha soa voz cos versos de Pondal

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as nosas vaguedades
cumprido fin terán;

Nós, a Nazón de Breogán, proclamamos hoxe, no corazón de Galiza, que desexamos iniciar o proceso que nos leve á soberanía plena, a construírmos a casa de noso que é a República de Galiza. Por iso facemos visíbel a nosa bandeira e saímos á rúa convertendo en consignas os versos d@s poetas: “Berremos alto e forte, a Nosa Terra é Nosa!
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 28-07-2013 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática