acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

"Lembranza da tecedeira" de Victoriano Taibo
O pasado 25 de xuño, o Instituto de Estudos Miñoranos, IEM, presentou na Aula Ponte de Rosas de Gondomar, a edición facsimilar comentada do poema “Lembranza da Tecedeira” de Victoriano Taibo. A publicación foi coordinada por Miguel Anxo Mouriño, vocal responsábel da sección de literatura e autor do estudo “Con tino aloumiñante” incluído nesta edición. Conta tamén cun artigo de Antonio Valverde Alonso, “Breve historia do manuscrito”, en que refere como foi atopado o poema, e unha análise da miña autoría baixo o título “A dor do ceo e da terra”. Nesta edición inclúese tamén o poema recitado por Anxo Angueira con música orixinal de Antón Seoane. Foi precisamente Miguel Anxo Mouriño quen presentou o acto dándonos a palabra a Anxo Angueira, Armando Requeixo e a min mesma.

Mais este acto de presentación era tamén unha homenaxe a Miguel Rodríguez Rodríguez, xenro de Taibo falecido a finais de 2012, e artífice da recuperación da súa figura, pois el gardou e clasificou o legado familiar que hoxe nos permite volver sobre o autor e restaurar a súa memoria literaria. Sobre Miguel Rodríguez falounos Armando Requeixo, nunha fermosa lembranza que podemos ler en Criticalia. Nesta entreda Armando Requeixo tamén fai unha breve crónica do acto e recolle unha foto de Xina Vega, que copio.

Deixo aquí a miña intervención, que contén o propio artigo escrito para o libro:

A dor do ceo e da terra. Sobre o poema “Lembranza da tecedeira”, de 1947.
Presentación na Aula Ponte de Rosas, IEM, Gondomar, do poema “Lembranza da Tecedeira” de Victoriano Taibo.
25 de xuño de 2013.


Quero en primeiro lugar sumarme tamén a esta homenaxe á memoria de Miguel Rodríguez, quen como acaba de dicir Armando Requeixo entregou boa parte da súa vida a gardar a memoria de Taibo, labor que lle agradecemos infinitamente. Tamén Miguel era un home entregado ao seu país. Aínda onte recuperaba unha fotografía súa, mentres participaba nunha lectura colectiva convocada por Queremos Galego na Ramallosa, o 17 de maio de 2011. Que a terra lle sexa leve!


O poema “Lembranza da tecedeira”, datado por Victoriano Taibo en 1947, foi publicado por primeira vez en Sonata Gallega II, número extraordinario de 1949. O poema está dedicado ao inspector de educación e amigo do autor Juan Novás Guillén. Vólvese publicar con motivo da morte de Juan Novás no ano 1968, desta volta en El Museo de Pontevedra. Tomo XXII-XXIV.
Entre os anos 45 e 50 (ano en que é destinado a unha escola do veciño Vigo) Taibo publica poemas soltos nas revistas Sonata Gallega, O Gaiteiro de Lugo ou o xornal La Noche. En 1946, varios académicos propóñeno como membro numerario da Academia Galega, sendo nomeado o 7 de febreiro de 1946. O ingreso na Academia producirase o 15 de outubro de 1948, co discurso de ingreso “Rosalía de Castro precursora da fala”, que recibiu resposta de Otero Pedrayo. Este discurso non foi publicado até 1972, un dato frío e numérico que, porén, está completamente cargado de significado e nos remite ao clima de represión da ditadura.
Victoriano Taibo vive nunha época convulsa. Literariamente a súa obra poética encádrase no Segundo Renacemento, un período que vai de 1914, inicio das revoltas agraristas no noso país, a 1939, en que remata a guerra civil e se inicia un período de silencio interior e exilio que perdurará até 1950 aproximadamente. Como sabemos, o Segundo Renacemento caracterízase pola presenza e a consolidación da ideoloxía nacionalista, da que o noso autor será partícipe (é un dos asinantes do manifesto da I Asemblea nacionalista de Lugo). Trátase dun período no que conviven diferentes xeracións literarias, sendo unha delas a que se veu denominando a xeración das Irmandades da Fala, á que o noso autor pertencería, xunto con Ramón Cabanillas.
Desde a perspectiva de hoxe, vemos que o que gozou no seu tempo de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos cunha escasa obra poética publicada (tamén porque naquela altura xa era complexo publicar poesía), da que só pode destacarse Abrente como texto poético de interese, amortece os pequenos logros que puideron quedar do autor. Desde o meu punto de vista, cómpre lermos atentamente a obra de Taibo e colocala no lugar que merece. Este mesmo poema é un exemplo. Tamén Cabanillas escribiu un poema titulado A Tecederia en 1944, mais a comparación dos dous textos demostra que non podemos falar de “seguidismo” de Taibo, pois consideramos que o poema do mestre de Morgadáns é superior ao de Cabanillas. Mais analicemos a relación entre os autores no seu contexto histórico.
Como dixemos Taibo era un poeta admirado polos seus coetáneos, así Manuel Antonio, como demostra esta carta de 22 de abril de 1921:
“Eu apreseime a escrevirlle por ser vostede unha d’as contadas persoas que n’a nosa literatura poética érguense por riba da vulgaridade e pensan en algo máis fino que versos in-espritoaes, groseiros e desprestixiosos.” Manoel-Antonio, Correspondencia, 1979, Galaxia, Vigo, páx. 97.
Taibo responde dando mostras da súa modestia, mais tamén do seu afán de superación e perfeccionismo en materia literaria:
“Eu son no orde literario un feito real d’iste caso: fago versos sin cultura nin preparación. De onde tira-lo celme que choia a eficacia que vostede deseja?
Avella escura do cortizo da Terra, -só da Terra!- non teño máis celme que o que deito nos meus versos...
A por de vostede eu son un vello e un desorientado. Os meus versos ulen a clásico que da pena.”

Non podemos deixar de pensar que a imaxe dun Taibo seguidor de Cabanillas se foi trasladando ao longo da historia da literatura galega esquecendo outra parte da súa obra, a poesía intimista, que debería concitar a atención dos lectores, como o resto da súa obra poética. Por outro lado debemos considerar ese “seguidismo de Cabanillas” no seu contexto. Consideremos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela Cabanillas foi un poeta emblemático, que recolleu o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que seguir ese mesmo ronsel, porque moi posibelmente era tamén súa a convición de formar o noso pobo. E insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser “galeguista”.
Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre na súa obra, xa sexa para gabarse da nación, xa sexa para criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo formou parte do grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. Vexamos senón o seguinte fragmento dunha carta a Manuel Antonio:
“Na “Esfera” derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da “Esfera”, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.”

A dor do ceo e da terra. Sobre o poema “Lembranza da tecedeira”, de 1947.


Cando en novembro de 2011 entregabamos o premio de poesía Victoriano Taibo, na mesma escola en que o mestre dera aulas aos seus alumnos de Morgadáns, limos o poema Lembranza da tecedeira.
Ler este poema foi toda unha sorpresa. Inmediatamente viume á mente a “Elexía á muller do campo” de Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo (1951-53) ou o “Poema á muller galega” de Manuel María, Remol (1970). E isto porque os tres poemas comparten a intención de homenaxear á muller galega centrándose precisamente na muller traballadora. O poema de Taibo é unha elexía, un pranto pola morte dunha tecedeira e deixa en nós esa tristura do que se vai para sempre, persoas, feitos, costumes.
Non atoparemos no poema de Taibo unha fermosísima princesa, nin unha beleza de dentes anacarados. É unha vella que morreu despois dunha vida plena de traballo, alegre, faladora e o poema detalla como era a vida desta muller, a roupa que levaba, a roupa que facía, os contos que dicía ao pé da lareira.
Desde a óptica de hoxe, as lectoras reparamos nestes retratos de muller, porque buscamos textos que se apartan dos estereotipos emanados da sociedade patriarcal, que é o contexto en que o poema se escribe. E o propio feito de ser a protagonista unha traballadora, unha tecedeira, é o primeiro distanciamento.
En 1922, Taibo publica Abrente. Nesta súa segunda obra atopamos varios poemas nos que a muller é a protagonista do texto. Mulleres que, como a moza e a vella que dialogan sobre os compañeiros que marchan alén mar, son o medio polo que se reflexiona unha vez máis sobre o drama da emigración, así no poema “Pombas sen niño”, que xa fora publicado en 1913 co título de “Almas doridas”. Ou a muller que malia a súa beleza é aldraxada, metáfora do ataque á nación, no poema “E foi!”. Nestes dous casos, a muller non é o centro do poema, senón un medio, un símbolo, para realizar unha reflexión crítica. Non así no poema “Moza gallega”, publicado anteriormente en 1914. Neste poema, que clasificamos como costumista, atopamos a tópica habitual destinada a enxalzar a beleza dunha muller: “... os teos ollos, ... Cal froles dos liños... Tes ... nas tuas meixelas,... Místico arrebol; ... Son, nena, os teus labres craveles acesos...”. Cabe sinalar que o poema volve recollelo o autor para Abicedo (que pretendía publicar por volta dos anos 50) con sutís modificacións.
A tecedeira deste poema non ten nada a ver co enxalzamento tópico dunha moza de ollos azuis e fazulas rosadas. Aínda que tamén ten os ollos da cor do liño e é unha moza alegre e festeira, é sobre todo a muller que coas súas mans teceu os soños de todos, mozas, vellas, ricas, pobres. E non só, porque é ela a que lle conta aos nenos lendas e contos de medo. A tecedeira é esa muller que todos coñecemos, admiramos e queremos porque é a nosa avoa: a máis fermosa, a que traballou arreo sendo quizais o sostén único da familia, a que aínda así sempre estaba leda e disposta a acougar os nosos medos e aprendernos o que a súa memoria gardaba, a historia de todo un pobo, viva na literatura oral que salvou da morte a nosa lingua e a nosa cultura. Por iso chora o tear e canda el as fiandeiras, e o pranto esténdese por toda a aldea e a dor érguese desde a terra. E así complétase o distanciamento cos ditados da sociedade patriarcal. Tal vez por iso, cando lemos o poema case setenta anos despois, recibimos esa mensaxe de recoñecemento que o autor quixo deixar patente nesta elexía.
Mais, como sucedía en Abrente, non podemos descoidar a lectura simbólica. Cómpre insistir na aparente sinxeleza do poema, resultado dun grande esforzo de composición, que se sostén, entre outros feitos, en ser un romance que describe festas, traballos tradicionais, contos e lendas. Mais debemos reparar na estrutura e na elección do oficio da protagonista. Taibo escribiu unha elexía dunha tecedeira, dunha muller que no mesmo liño tecía as camisas dos meniños e as mortallas dos mortos, que o mesmo facía fatelos de mendigas ca manteis para fidalguía, igualándoos a todos nos fíos do seu tear. Como a vida, que a todos un día nos leva.
O poema estrutúrase nunha introdución, na que se presenta a mensaxe da morte estendéndose pola aldea, e a continuación dá paso a tres estrofas que describen as distintas épocas da vida da muller: a mocidade, en que ela foi a última moza garrida, linda e donairosa; a madureza, en que co seu traballo teceu os doces soños, “azosas teas urdía a xeitosa tecedeira”; e a vellez en que as lendas e os contos servían para atallar as olladas pezoñentas ou rezar polas almas en pena, “lindos contos tecía a velliña”. Ilusión, construción, transmisión. Un breve fragmento sinala o momento da morte, “inda eu era mozo”, e unha estrofa final recolle de novo a dor estendéndose desde o tear.
Por todo isto non podemos deixar de pensar que esta tecedeira é tamén a representación simbólica da vida. En todas as culturas a acción de tecer representa a creación e a vida. As moiras ou parcas nas culturas mediterráneas ou as nornas do norte de Europa constrúen o destino dos mortais tecendo tapices, deixan que o fío se alongue ou acurtan o seu traxecto. Así esta tecedeira foi fiando as vidas de todos, igualándoos no destino que é a morte, e procurando manter viva a cultura á que pertence, nesa angueira de contar trasladando así a súa sabedoría, que é a sabedoría do pobo galego.

Victoriano Taibo escribe unha elexía á morte dunha vella tecedeira, e o seu poema deixa en nós os laios pola perda dunha cultura tradicional que representa a transmisión da memoria colectiva dun pobo, a súa identidade. E ao tempo o poema é unha homenaxe, o enxalzamento dunha muller traballadora e humilde que é o fulcro sobre o que xira a vida e a morte, as que acaban por igualarnos máis alá das riquezas do mundo ou das súas penalidades.
A lectora de hoxe detense no poema, imaxina o mestre represaliado ante o papel en branco, o poeta que como as caneliñas do tear chora en silencio por todo o perdido, tantos anceios, tantas angueiras, tantas horas imaxinando a nación futura, esa que, en 1947, xace sen mortalla en camiños e lugares ignorados a mantenta. Aquela mocidade das Irmandades da Fala, alegre e donairosa como a tecedeira, que callou nunha xeración inesquecíbel que nos dotou do legado argumental sobre o que construír a nación, como as pezas de liño que do tear saen, morría en silencio e afastada mentres o vento xemía unha mágoa asubiada e longueira. Ilusión, construción, transmisión, destruídas pola morte. O poeta escribe unha e outra vez, tacha e rompe. Como falar das ilusións perdidas!. Busca as imaxes que precisa, escribe e reescribe. Non quere calar esa dor prolongada, a dor dos vencidos.

A dor que baixa do ceo e que se irmanda coa dor que se ergue da terra.
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 02-07-2013 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática