acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Estranxeira na súa patria
Artigo publicado en Terra e Tempo sobre a proposta feita pola CIG-Ensino para que o Día de Rosalía figurase no calendario escolar e a negativa da Consellaría a recollelo:


"Contemprou cal pasaban e pasaban
Collendo hacia o infinito,
Sin que ô fiaren n'ela
Os ollos apagados e afundidos
Deran siñal nin moestra
D'habela n'algun tempo conocido."

No mesmo mes en que celebramos a publicación de Cantares gallegos hai 150 anos, a Consellaría de Cultura e Educación négase un ano máis, e desta volta con especial belixerancia, a acoller a proposta que desde a CIG-Ensino se vén realizando de que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, forme parte do calendario escolar no apartado de conmemoracións, ao lado de datas como o Día de Europa ou o Día da defensa dos dereitos do consumidor.

Se o ano pasado a Consellaría pechou o debate concluíndo que estudaría a proposta, este ano negouse desde o principio, até o extremo de dicir que se se lle dedicaba a Rosalía, habería que llo dedicar tamén a outros autores ou que por que a Rosalía. É posíbel que esta pregunta se faga nun organismo da Consellaría de EDUCACIÓN? De verdade que hai que explicar o que significa Rosalía de Castro para a lingua e a literatura galega? Actitudes como a demostrada este xoves 23 pola Consellaría de Educación son a expresión do seu autoodio e da súa vontade de reducir a nosa lingua e a nosa cultura á mínima expresión.

Non son como aquela procesión de mortos que pasan por ela sen daren mostra de a teren coñecido, senón como un exército de zombis que insisten en negala nun discurso que oculta o esencial e que demostra a consciencia de que as palabras de Rosalía nacen dunha firme vontade identitaria. Por iso pretenden aparentar o recoñecemento á autora, mentres negan por omisión o significado fulcral da súa contribución, reducindo a súa figura a “... quen levou a través da palabra escrita,.. o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos”. Estes son segundo o Conselleiro de Cultura e Educación os motivos para recoñecer a obra rosaliana, unha nova volta ao parafuso da beatificación confusionista que desde hai décadas pretenden infrinxirlle "os horados na vila" á nosa autora.

Unha vez máis non poden negala en termos absolutos, borrala da memoria colectiva, enterrar a súa obra no esquezo. Por iso renovan a estratexia da manipulación e da redución até a eliminación, impedindo facer do Día de Rosalía un día para que os centros escolares e, por tanto, as nenas e os nenos, as xeracións do futuro, lean, declamen, coñezan a súa obra.
Son os mesmos que concibiron a implantación do terzo en inglés para ir eliminando o galego das aulas.

Contra a súa negación o pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que un 24 de febreiro as escritoras e os escritores lean os seus versos nas rúas das cidades, mentres as persoas que camiñan se deteñen, escoitan, lánzanse a ler tamén.

O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que unha profesora propoña unha actividade escolar da que as pequenas e os pequenos falen cando cheguen á casa. O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que en calquera momento e lugar unha nena declame os seus versos, e diga alto e forte: que así mo pediron, que así mo mandaron que cante e que cante na lingua que eu falo.

O pobo galego erguerá a voz de Rosalía aínda que teimen en evitalo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 23-06-2013 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática