acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Marica Campo
Este 15 de xuño a AELG dedícalle a Marica Campo a homenaxe: A escritora na súa terra. Esta carta vai para ela, para lle expresar o meu aprezo e compatilo con todas e con todos.

Amiga Marica Campo:

Ilusióname acudir ao Incio este sábado día 15 de xuño para festexarte. En canto tiven noticia do acto anoteino e tomei acordo de acudir, aí, ao Val do Mao do que tanto nos falas sempre que hai ocasión.
Antes de mais, cómpre dicir que esta homenaxe instituída pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, é un verdadeiro acerto porque é unha homenaxe en vida que lle permite a quen a recibe compartila con todas e todos, escritoras e escritores, familia e amiga/os, veciñas e veciños, convertendo o acto literario en popular, deixando memoria viva da escritora nas rúas e nos camiños que o pobo transita.
Así quedará o nome de Marica Campo, o teu nome, nese souto que é o Campo da festa do Val do Mao e, talvez dentro de cen anos, cando a neta pregunte o por que do nome, aínda a avoa saiba transmitirlle quen era a escritora que un día foi cativa coma ela nesas terras do Incio.
O que quero dicirche ben o puidera facer en persoa, ao tempo que te felicito por esta merecida homenaxe. Mais non quero que a declaración da miña admiración quede en tan reducido ámbito, prefiro compartila así, de xeito que sirva tamén como recoñecemento público da túa persoa.
Souben dos teus versos antes de saber que existía a escritora, case como todos. De certo cantaba os teus poemas insistentemente sen saber que eran teus, sen saber sequera que eran versos. E se onte estarrecía escoitando ese inmenso poema que é Muller, aínda hoxe non podo deixar de sentir a soidade desa muller anónima que encarna o sufrimento de todas as que padeceron fame, soidade, sometemento, esquezo. Todas. Elas. Que son o pobo.
Hoxe volvín abrir Memoria para Xoana, a narración en que admirei a construción da memoria, o legado á filla que vai nacer. Aínda teño marcada aquela páxina en que dis: “... non quixera estar na miña torre de marfín, allea ao mundo que sofre”. E dou fe que non é na torre onde ti estás, senón entre todas nós, alzando a túa voz, dándonos as palabras que precisamos, as que nos permitan comprender o mundo en que vivimos. Nesas páxinas escritas hai xa máis de dez anos segue latindo o presente: “Hai un Sur de pobreza que non pode acceder ao Norte da abundancia porque, en contra das palabras da nosa máis grande escritora, toda a terra NON é dos homes.”
Grazas Marica. Polos teus versos, polos teus relatos. Por ser tamén unha mestra comprometida co noso país, que o amou a través das cativas e dos cativos. Pertences á estirpe das que fixeron da escola algo máis que un lugar de memorización e fría aprendizaxe. Ti e tantos coma ti, fixestes do ensino unha arte de nos amar a nós mesmos, Lelos descridos da escola por mor de mestres alleos.
Vaia esta aperta de palabras impresas para che dicir que ti es das escritoras que admiro.


Xuño 2013.

Artigo publicado en Sermos Galiza e Valminor.info

Foto feita por min no Galeusca de Mondoñedo-Lugo, ano 2007.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 14-06-2013 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática