acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Crónica e galería do encontro de creación literaria na A. C. O Galo
Reproduzo a seguir a crónica da miña intervención no Obradoiro de Creación Literaria de O Galo:

Concluimos o Obradoiro cun Encontro de Creación Literaria

A convidada para pór o punto final a este obradoiro foi Marta Dacosta, que acaba de gañar o premio Johán Carballeira co seu libro Dun lago escuro. Ela mesma preparou unha Escolma de Poemas seus, para falarnos do que ela entende por proceso de creación literaria, de por que escribe e como o fai.

Os e as asistentes puideron disfrutar non só da lectura destes poemas senón tamén de como ela ía explicando todo o seu proceso de creación literaria que esas autopoéticas desvelan mediante metáforas. De como bebe das cousas que a rodean, das experiencias vividas: algo que ve nun intre determinado ou mesmo que escoita e le nun xornal, as vivencias de cando era nena ou esas anécdotas familiares das que nos fixo participes a todos e todas as que alí estabamos, coñecendo desta maneira o universo máis íntimo e persoal da autora.

Público no encontro de creación literaria con Marta Dacosta insistiu en que en poesía é importante a escolla das palabras: non serve calquera. Hai que seleccionar moi ben as verbas para poder transmitir todo o que se desexa, que non quede ningún matiz no tinteiro. Confesa Marta que incluso chega a escribir pequenos poemas para utilizar determinados termos, sobre todo aqueles que como profesora de lingua e literatura galega lle interesa conservar, os dialectalismos do lugar onde vive, as palabras familiares que, na maioría dos casos, se van perdendo co tempo. Transmitiulle aos asistentes as súas raíces e o afincadas que están na terra, aínda que o seu espazo bucólico e idílico segue sendo o mar, a ría de Vigo que a viu nacer.

Marta comezou a escribir sendo unha nena moi pequena, con apenas oito anos, xa escribira unha obriña teatral de dúas páxinas. Foi nese intre cando comezou a xestarse a que hoxe en día coñecemos como unha das principais poetas de Galiza. Escolleu na súa madurez e dominio da escrita a canle poética porque confesa que e afín co seu carácter, é inmediata, íntima, mesmo vergoñenta. E do mesmo feito que ela, a poesía evoluciona co tempo, é decir, o mesmo poema cambia a súa perspectiva e o seu significado conforme van pasando os anos.

Asistentes len poemas de Marta DacostaAconsellou aos participantes no obradoiro gardar o que escriben e relelo moito tempo despois. De feito, Marta comentou que ela mesma traballaba deste xeito: escribía, gardaba e cando xa tiña na súa carpeta o suficiente material -que podía abranguer dous anos- lía e facía a súa escolla, tachaba, ampliaba, correxía, polo que nunca se chega desfacer dos textos, malia que non se publiquen..

Rematou o seu relatorio coa lectura duns poemas inéditos que nos deixaron a todas e todos un bo sabor de boca, esperando que pronto saia publicado o novo poemario de Marta Dacosta para poder disfrutar dun lago escuro. Podedes escoitalos no seguinte video

Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 13-06-2013 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática