acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Letras galegas
Estes días fálase de en quen poderá recaer o día das Letras Galegas de 2014. Lembro entón este artigo que escribín en xuño de 2004. Nel falo de Carvalho Calero, aínda non homenaxeado. Cando será o día das letras de Carvalho?


Letras galegas

Recentemente o día das Letras Galegas volve estar de actualidade, desta volta pola decisión de lle adicar as letras do 2005 a Lorenzo Varela, decisión que non recibiu o apoio unánime da Academia. O outro motivo que lle confere actualidade é o debate sobre a súa utilidade, sobre a súa hipotética crise.
Certamente no contexto actual faise necesario recorrer á alquimia, inventar novas fórmulas, atopar a pedra fiosofal que arraigue na sociedade a nosa identidade. A celebración das letras galegas debe ser unha festa, a festa da nosa identidade cultural, mais unha festa que non ignore a problematica actual, nin renuncie a reclamar as medidas necesarias para a normalización plena da nosa cultura e da nosa lingua. Debemos, ademais, desterrar o carácter litúrxico, ritual desta data instituída para manter e recuperar a nosa identidade.
Con respecto á escolla de Lorenzo Varela reaxín con sorpresa, abraioume a escolla deste autor fronte a outros cun obra máis extensa e importante e cunha contribución máis destacábel a prol da nosa cultura. Tanto como a elección abraioume que, segundo informaba a prensa escrita, non houbese candidato alternativo e comecei considerar algúns dos autores que eu achegaría.
Cinxíndome ao criterio de ter morto hai dez anos, criterio que podería ser revisado, penso fundamentalmente nos seguintes escritores:
O profesor Carvalho Calero, destacábel pola súa aportación creativa e ensaística, un dos grandes investigadores da nosa literatura, Eusebio Lorenzo Baleirón, ou os irmáns Alvarez Blazquez, nomeadamente Xosé María quen, tamén nos duros anos do franquismo, contribuíu á nosa historia cultural non só mediante a creación literaria, senón tamén mediante o activismo coa creación de selos editoriais e coleccións. Un Xosé María Alvarez Blázquez que entre outras cuestións tería ao seu favor o feito de ter sido membro da Academia.
E un nome máis, o nome dunha muller, tan raras nesta lista de escritores homenaxeados, fiel reflexo da súa presencia no mundo das letras, mais aínda así, merecedoras dun pequeno lugar. Refírome, naturalmente, a María Mariño.
Por que non se barallan estes nomes? Non nego con isto que Lorenzo Varela non poida recibir esta homenaxe, mais tamén é certo que non está, en canto á súa aportación creadora, á altura dalgún dos nomes citados.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 12-06-2013 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática