acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Entrevista en Sermos Galiza
Reproduzo a seguir a entrevista realizada por Carme Vidal para Sermos Galiza

Marta Dacosta: "A través da poesía retrato a mentira da nosa sociedade"
Con dun lago escuro Marta Dacosta vén de gañar o Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. A poeta leva xa máis de vinte anos na escrita e nesta entrevista debulla para nós o novo libro, a súa traxectoria e a súa face máis comprometida coa lingua, o ensino público e o país.


Dun lago escuro é o novo libro de Marta Dacosta nunha traxectoria de máis de dúas décadas nas que viron a luz títulos como Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, As amantes de Hamlet ou Acuática Alma e que mereceu premios como o O Grelo, González Garcés ou Martín Códax.

-Despois de Acuática alma (Espiral Maior, 2011) vén de gañar o Johán Carballeira con dun lago escuro. Por que de novo o recurso á auga?

A realidade é que, certamente, emprego moito elementos líquidos como símbolos. O mar está moi presente, mais non só o mar senón tamén fervenzas e ríos, auga en movemento. As fervenzas aparecen en Acuática alma, como alma en movemento, con moita forza. Agora a auga é metáfora do que se quere expresar no libro, alegoría dunha realidade na que vivimos todos e cada un de nós como di un dos poemas. O que se traslada é que imos na vida como se estivésemos nadando de costas nun lago, mirando para o ceo, ignorando o que hai debaixo de nós. Enganámonos mirando o ceo limpo e azul sen reparar nos cadáveres que están no fundo, no lago. Vivimos na mentira e nunha realidade que é só aparente. Por iso emprego a metáfora do lago, no que parece que nada acontece mais está escuro e no fondo, que hai? Pode haber lama, mais tamén putrefacción.

-Por iso o seu lago, como o noso tempo, é escuro?

Non é transparente, non se pode ver o fondo, non podes ver o que hai debaixo da auga.


-Explica con claridade o tema, custoume ben máis entender o argumento do xurado cando di “tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza”. A que se refire?

O libro é circular, os poemas falan de cuestións parellas e volven de novo ao símbolo do lago. Aí está a circularidade e a presenza da crítica social aínda que o libro tamén é abstracto. O que quero dicir queda claro. Non digo que vivimos nunha sociedade putrefacta, o libro ten abstracción aínda que tamén hai poemas que relatan. A palabra mentira aparece no último e no primeiro poema. Reflexionaba no sentido máis negativo das connotacións da palabra mentira, mais ás veces non é buscada, é un engano. A memoria indúcenos a mentir, devólvenos unha imaxe do pasado que non é fiel, que se foi deturpando.

-Crítica social, mais non realismo, polo que di, non é?

Algún poema é máis directo, algún ten que ver mesmo co que escribín hai vinte anos. Volvín atrás, a Oito e medio, onde había un par de poemas cun ton semellante. Son os máis evidentes de crítica social, os menos alegóricos, aínda que busco un oco para a simboloxía, para o relato directo. Chamoume a atención a volta a aquel ton que utilizaba naqueles poemas, onde claramente se desenvolvía a crítica social. Acontece, poño por caso, cando se fala de individuos que se proclaman líderes e queren decidir por nós. A alegoría tamén pode conducir á crítica social. A nadadora que vai de costas sen avanzar!. Realmente estou relatando unha alegoría dunha situación social de quen non avanza, da que sofre, das situacións de hipocrisía absoluta.

-Por que pensa que se dá esa volta aos seus inicios poéticos? Como atopa as referencias naqueles primeiros poemas?

Reparei despois de telo escrito nesa relación. É unha crítica social que se asemella bastante a feita entón, mais o tema está sempre aí, a hipocrisía é permanente na nosa sociedade.

-Significa iso que na súa obra atopa unha liña de continuidade entre os diferentes libros?

A miña obra creo que cambiou mais este tema que centra o libro non é novo, malia que neste caso tome un novo protagonismo. A miña poesía foise espindo co tempo. Ás veces, para escribir utilizo a técnica do escultor de ir desbastando o texto, espíndoo de palabras até concentralo. Nese sentido, hai unha evolución clara. Perfilo os textos e procuro condensalos, prescindir de todo o que se poda. Trato de concentrar a mensaxe no menor número de palabras, do moi explícito ao suxestivo.

-A nadadora é a poeta?

Non necesariamente, pero ás veces si. En Acuática alma hai textos nos que me apropio doutras identidades, non hai biografismo, pero neste libro é moito máis difícil que non exista porque está máis próximo da xeración da emoción, relatando o sentimento ante esa situación. Nese sentido hai máis coincidencia entre o eu poético e a autora. Mais non é sempre necesario.

- A poesía súa é entón vivencial?

Ten moito de vivencial en canto parte dos sentimentos, para min a poesía é translación dunha emoción. Como un actor que se mete dentro dun personaxe para interpretalo. Non é como Hamlet, mais imaxina que é Hamlet. Como dixo Pessoa, o poeta finxe. Trátase dunha relación de interpreta

ción entre a autora e a voz poética na que as vivencias están presentes.

-Desde os seus inicios, hai xa máis de vinte anos, nunca deixou de recitar en público a súa poesía. Que potencialidade ten o xénero para ser compartido?

Para a poesía os recitais son unha boa ocasión de darse a coñecer. Fai que o poema chegue ao público lector. Hai persoas que se achegan aos libros despois de asistir a un recital. A poesía ten música e ritmo e necesita ser dita para completarse cos elementos que utilizas cando constrúes o texto. Faise plena cando a dis en viva voz, máis viva. O poema complétase porque están en acción todos os elementos.

-Ten tamén esa forza da acción social?

Sempre lembro cando Bernardino Graña nos puxo en Salvaterra a todos os alí presentes a corear o seu retrouso “dos que a ninguén aman, librémonos pronto”. Tiña o valor de poñerse na cabeza e na boca da xente, as palabras transmiten pensamento e emoción. Incita, neste caso, a reclamar eses dous versos. Bernardino púñalle palabras ao que queriamos dicir. Tiñamos sentimento de satisfacción porque el atopara as palabras para nos expresarmos.

-A súa xeración, en especial da década dos noventa, festexaba a poesía de maneira colectiva en case toda parte. Como lembra aqueles anos?

Non tiñamos impedimentos en organizar actos e niso eramos privilexiados se pensamos nas xeracións de Bernardino, Manuel María, Novoneyra ou Avilés. Queriamos levar a poesía a toda a parte, non deixala pechada na gaveta. A poesía adoece de dificultades de difusión e reclamabamos a maneira de facer públicos os nosos textos, de compartilos, de acompañarnos coa poesía.

-Desde entón, ao meu ver, non volveu a existir unha idea tan forte de grupo na literatura.

Estabamos en Santiago e quen entraba en contacto con nós xa pasaba a formar parte do grupo. Estabamos os que recalabamos na cidade e aos poucos íase sumando Yolanda Castaño, Olga Novo, Celso Sanmartín, Estevo Creus... Compostela era máis capital porque aínda non se desenvolveran as outras Universidades e todos, cando menos, iamos rematar alí a carreira. O noso era un grupo aberto así que cando puxemos en marcha o proxecto editorial “Letras de Cal” eramos dezaoito poetas cando no grupo inicial de finais dos oitenta non eramos tantos.

-Estes días, nos parabéns que lle mandaban a través das redes, destacaban o seu compromiso sindical e político. Como se levan estas dúas facetas?

Combaten duramente porque unha non deixa moito espazo a outra. Mais se es unha persoa comprometida coa túa lingua élo a todos os niveis, escribes e vas ás manifestacións. É certo que a xente se sorprende cando sabe que escribo porque me coñece como sindicalista e tamén cando me coñecen como poeta sorpréndelles que sexa sindicalista. Algunhas persoas ao me felicitar claro que facían referencia ao meu perfil social, porque se senten orgullosas de que unha persoa que se significa socialmente se vexa recoñecida na súa obra literaria, supoño que é como se se sentisen un pouco recoñecidos eles e elas mesmos, os meus compañeiros do sindicato, por exemplo. No plano persoal combaten unha con outra, hai a quen lle chama a atención que teña tanta presenza social e mesmo así escriba. As persoas non podemos evitar ser prexuizosas e ás veces esa faceta fai que a obra sexa lida doutra maneira. Imposíbel de non facelo. De todas maneiras, para min o importante é ser consecuente e coherente coas miñas ideas. Estar en paz comigo mesma e só así o consigo, co compromiso e a escrita.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 23-05-2013 07:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática