acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Teatro en lingua galega por Vidal Bolaño
Tal día coma hoxe, en que nos mollaremos unha vez máis pola lingua acudindo á manifstación de Queremos Galego (na que de certo estaría Vidal Bolaño se vivise), traio a este meu caderno as palabras de Vidal Bolaño ditas en 1998, en Lisboa, na Universidade Nova, no marco das Xornadas Xornadas das Letras Galegas en Lisboa.O seu relatorio titulouse: Perspectivas do teatro galego actual e segue estando vixente en moitos aspectos.

Neste enlace pode lerse todo o relatorio.

"... as diferencias e os conflictos entre o teatro independente español e o teatro chamado das nacionalidades, e mesmo os deste consigo propio. Diferencias e conflictos que no primeiro dos casos se puñan de manifesto, fundamentalmente, na distinta (por non dicir contraposta) concepción que cada quen tiña da chamada descentralización teatral; e no segundo, no diferente grao de compromiso coa lingua e coa razón de ser mesma dun teatro galego de seu.

Moitas desas diferencias mantivéronse latentes ó longo do tempo, e mantéñense aínda hoxe. Algunhas delas agora xa de xeito evidente, como acredita o apoio co que conta por parte de determinado sector da chamada profesión teatral, o anuncio, e ó parecer irremediable posta en escena, de catro esperpentos de Don Ramón María del Valle Inclán, en español, por parte do CDG. E anque non impediron que agromara un movemento de dimensións artísticas e sociolóxicas impensable ben poucos anos antes, moi ben puideran ser unhas das causas que ensombrecen o noso presente e coutan a posibilidade certa de que o teatro que andamos a facer poida chegar a ser tido algún día como propio por esa parte da sociedade galega que o demanda e o quere. Hoxe non hai un teatro galego, senón moitos. E as diferencias non se dan tanto nas poéticas, cousa desexable e ricaz, como no entendemento que cada quen ten da razón de ser mesma dese teatro ó que non obstante ternos dereito. De par de quen segue a tirar da tradición, prolonga-lo xa feito, sen renunciar a posicionamentos críticos co pasado, pero sabéndose parte dun proxecto de futuro colectivo, conviven moitos dos que nunca tiveron ningunha fe nese proxecto, ou que mesmo se opuxeron a el, xunto con aqueloutros dos que nunca faltan nestas merendas, que nin viron nin verán no teatro máis cousa ca un medio no que tentar resolver precariedades laborais, busca-lo éxito ou satisfacer cativas vaidades persoais.

Algo debía saber verbo disto García Lorca, cando afirmaba: "...o teatro que non atende á pulsación social, á pulsación histórica, ó drama do seu pobo e á xenuína cor da súa paisaxe e do seu espírito, a través do riso ou das bágoas, non ten dereito a se chamar teatro...". Con toda seguridade moito do teatro que estamos a facer hoxe é un teatro así. É un teatro que non merece levar tal nome. De que se queira e se saiba diferenciar cál é o un e cál o outro, depende en gran medida o noso futuro. Porque Lorca dicía máis cousas, dicía tamén que: "Un pobo que non axuda e non fomenta o seu teatro, se non morreu aínda, está moribundo". E no feito de que o noso presente non sexa todo o satisfactorio que podería, algunha outra responsabilidade hai, ademais das nosas, que apuntan a que a nosa sociedade, ou polo menos determinados estamentos políticos, administrativos e culturais dela, con claras responsabilidades nesta materia, senón están moribundos xa, mostran signos de padecer algunhas terribles doenzas.

O noso discurso enúnciase no marco dunha cultura en cuestión, que despreza tanto como ama os seus valores propios, entre eles a lingua. O simple feito de que a palabra teatral sexa enunciada en galego, é causa de que un importante sector da nosa sociedade considere que non nos diriximos a ela ou que mesmo o facemos contra ela.

Malia o recoñecemento do que son obxecto os nosos autores dentro da literatura dramática peninsular deste século, seguen a ser uns descoñecidos entre nós. Fóra dos libros do Centro Dramático Galego e da colección Teatro nas Aulas da ASPG, non existe ningunha editorial que manteña compromiso ningún co teatro. O ensino, de tanta importancia dinamizadora en canto á lectura e á existencia mesma doutros xéneros e ó coñecemento da obra dos nosos escritores, ignora case absolutamente o teatro en canto feito literario, e só tanxencialmente se achega a el en canto feito escénico."
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 17-05-2013 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática