acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Pola retirada da LOMCE, folga!!
Este xoves 9 de maio a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por máis de 11 entidades representantivas de toda a comunidade educativa, nais e pais, alumnado e profesorado, convoca folga no Ensino público contra a LOMCE.

A mal chamada Lei para a mellora da calidade educativa é unha verdadeira agresión ao ensino público, unha involución de máis de 50 anos que nos leva a antes de 1970 coa imposición das reválidas, o desprezo á nosa lingua, a potenciación da relixión, a dirección unipersoal dos centros (até o extremo de poder rexeitar profesorado), o modelo da empresa privada ou o incremento dos concertos ao ensino privado, mesmo aínda que discriminen o alumnado por razón de xénero. A LOMCE é unha lei que aposta pola privatización do ensino, mercantilista, españolizadora, centralista, antidemocrática, antipedagóxica, confesional...

Desde que en outubro se fixo público o primeiro borrador, a Plataforma considerou a necesidade de realizar un labor de concienciación e difusión do que este borrador significaba. Ao tempo iniciaba as mobilizacións necesarias coas que facer efectiva a nosa oposición nas distintas cidades galegas e outras localidades.

Durante o mes de marzo preparouse a seguinte mobilización, os peches que tiveron lugar no mes de abril en máis de 15 localidades galegas, que se iniciaron o 9 de abril en Compostela e remataron o 26 en Pontevedra e nos que participaron máis de 3000 persoas que acudiron aos peches para manifestar a súa oposición á LOMCE.

As entidades que compoñen a Plataforma realizaron tamén outras accións, como as intervencións nos Consellos Escolares de Galiza e do Estado (que abandonaron), a manifestación estudantil de 6 de febreiro ou a recollida de sinaturas contra a LOMCE entre o profesorado realizada pola CIG-Ensino e que superou as 10.120.

A folga do día 9 é un paso máis neste calendario de mobilizacións. Con todo debemos manifestar a nosa desconformidade co feito de que non se contase con esta Plataforma nin coas entidades que dela forman parte para consensuar a data, deixando á marxe ás galegas e aos galegos, até o extremo de propor unha data que é festivo en varias localidades, entre elas Compostela.

Máis de seis meses traballando para esixir a retirada da LOMCE. Estes días fanse os últimos esforzos, volvendo realizar charlas e falando cos sectores implicados, nomeadamente facendo asembleas co profesorado que está chamado a apoiar a folga ese día.

E ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións para nos facermos visíbeis. Estar nas rúas ás 11:30 h. este xoves día 9 vai ser a nosa forma de dicir que SI estamos en folga, como alí se pode ver, e SI saímos á rúa para demostralo. A nosa presenza nas rúas será a máis contundente contestación a unha Consellaría de Educación que non quererá aceptar os datos de participación.

Convócase a folga para pechar as aulas e estar na rúa e algunhas sabemos que até as nais e os pais virán canda nós para se deixaren ver nas rúas das vilas e cidades e deixaren claro que non, que non estamos de acordo e por iso

Esiximos a retirada da LOMCE!
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 14-05-2013 08:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática