acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Fartas de que decidan por nós
Cando leo ou escoito sobre os costumes dos pobos en que o islam é o credo maioritario, non podo deixar de considerar que somos profundamente hipócritas. Corrixo, son profundamente hipócritas.

Estou lendo a Kaminski. Leo o relato protagonizado pola señora Zaui. Sinto que me falan da veciña do lado. Esa vella enloitada de pano na cabeza que se aferra ás súas crenzas. A mesma que nos impacta coas máis controvertidas propostas. Como a garrafiña co sangue menstrual que a señora Zaui usa para salvar un neno prematuro.

Kaminski retrata a muller desde o punto de vista dun narrador occidental que non entende por que, malia vivir xa nun tempo novo en que as mulleres comezaban liberarse, seguía levando veo. Fala doutra época. Tamén fala doutro país. E as lectoras e os lectores occidentais len a Kaminski e como moito pensan en que nos países islámicos todo segue sendo así. Lonxe de nós.

Inxenuos. Como pouco son inxenuos. Ven o mundo cos ollos que lles poñen os medios de comunicación sistémicos que nos informan da barbarie en Boston mentres nos ocultan outras realidades cuantitativamente máis bárbaras.

O caso é que non tan lonxe, neste mesmo Estado, neste mesmo país, tamén temos os nosos propios veos. Os mesmos que colgan das peinetas das beatas que asisten ás procesións das dolorosas e dos santos cristos. Beatas de misa diaria, ou case, que van pola vida dicindo que está ben e que está mal.

Algunhas chegan ter responsabilidades políticas e non dubidan en deixar clara a súa posición ideolóxica desde o primeiro día, inaugurando mandato de mantilla e peineta na procesión do Corpus, toda unha declaración de intencións.

Beatas e beatos, que eles tamén o son, que teñen o seu camiño perfectamente deseñado. De feito a prensa que lles é afín ideoloxicamente sinala con descaro que baten records de aprobación de leis. Realmente modificacións lexislativas que procuran cambiar a sociedade para deixala á súa imaxe e semellanza, como faría Deus.

E aí temos o borrador mediante o que pretenden modificar a lei de Educación, contra o que combatemos, e agora a pretensión de modificar a lei do aborto, retallando o limitado dereito a decidir que as mulleres tiñan, e retrocedendo máis de vinte anos en materia lexislativa, mesmo poñendo en risco a vida das propias mulleres.

Son obedientes ás mensaxes da Conferencia episcopal e aos discursos de Rouco Varela, quen hai só uns días, na inauguración da súa CI asemblea falaba de falta de protección á natalidade como un problema social urxente, equiparábel nas súas palabras á crise económica, (tamén a calidade do ensino, por certo, que segundo o cardeal “deixa moito que desexar, sendo así que dela depende en tan grande medida o futuro da sociedade”). Palabras para pedirlle explicacións ao goberno por non contar xa “cun anteproxecto de Lei que permita unha protección eficaz do dereito á vida” e engade: “É urxente a reforma en profundidade da lexislación vixente”.

Pois a iso están. Obedientes servos de Cristo. Emprendendo a modificación da lei do aborto.
As mulleres estamos fartas de que os homes de negro decidan por nós e queiran mandar no noso corpo. Si, homes de negro, todos eles son homes de negro, desde os que levan sotana até os que non a levan e se adornan con garabatas de cor rosa. Non teñen dereito a gobernar os nosos corpos e mesmo a colocarnos en situacións de perigo para as nosas vidas, recortando unha lexislación que en moitos casos foi papel mollado porque nin a propia Consellaría de Sanidade no noso país garantía ás mulleres esta prestación nos hospitais públicos.

Estamos fartas!. Moi fartas!
Se nós parimos, nós decidimos!

Artigo publicado en Terra e tempo
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-04-2013 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática