acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Ponte Poética 2013
Velaquí a miña particular crónica da Ponte Poética de 2013.

O sábado 20 cheguei plena de poesía. Entrei pola porta da casa recitando o poema de Pozzani, lembrando esa voz profunda: “Oooombra, ooooombra e un batito di cilia ancora, Oooombra, ooooombra”. Algo que non se pode describir, que cómpre ver, escoitar, sentir.

Traía no meu fardel feito de dous días intensos a invocación: “A loita continúa” a través de de Claudio Rodríguez Fer, o poema á mestra Beatriz, morta á idade de 24 anos, namorada de Dante, no poema de Raquel Lanseros, a ironía lacónica de Roger Wolfe, no seu recitar distante e roto, a poderosa presenza de Biel Mesquida transportándonos á súa particular narración da Loita de clases.

Non esquecerei o poema Opera Prima de Rosa Alice Vieira, esa descrición da caricia, cálida e lenta. María do Cebreiro contra o veleno de Corcoesto, Lino Braxe co seu poema visual feito de azuis e negros, lembrando os días horribiles. Kirmen Uribe emocionándonos co nacemento do seu fillo, aos trece anos, mentres comían pizza.

Eu procurei dar todo o que agachara entre os versos.

E volvo agradecida, ao Concello de Pontevedra por sustentar este Festival ao que lle desexo moi, moi longa vida, e á xente do Ateneo que se preocupa do funcionamento da engrenaxe e a Yolanda Castaño por imaxinar e vivir a poesía, agarimándonos coas súas palabras que nos fan sorrir, porque son únicas.

Mágoa que a quen lle corresponde amplificar estas ocasións únicas, estea máis atento ao derramamento de sangue. Houben comezar a miña parte do recital dicindo: que máis alá da Academia, hai literatura, mais... importará? Se hai polémica, van como os abutres á prea e entón as vísceras saltan ás páxinas dos xornais e das televisións. Xa sei que é noticia o futuro da Academia e o que nela pase, mais tamén a beleza, a calidade, a emoción, a poesía... a poesía que fala de nós, o pobo, de todo o que sufrimos. A poesía tamén debería ser noticia, e máis cando desde unha institución como o Concello de Pontevedra se segue acollendo estas iniciativas culturais, agora que a cultura está no punto de mira dos austeros.

Pontevedra reuniu diferentes voces e iluminou esta primavera miúda co seu crisol de versos. A poesía mostrouse tal cal é: directa, ferinte, fermosa, diversa e total.

Longa vida á poesía!
Comentarios (0) - Categoría: PontePoética 2013 - Publicado o 23-04-2013 08:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática