acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Segregación para manter a desigualdade.

Este curso escolar iniciábase con nova xurisprudencia sobre a concesión de concertos económicos aos centros privados concertados que segregan o seu alumnado por sexo. Tratábase dunha sentenza do Tribunal Supremo que resolvía un recurso presentado en Andalucía. Naquel momento a organización sindical maioritaria do Ensino, a CIG-Ensino, reclamou xa da Consellaría a rescisión destes concertos, na previsión de que unha futura sentenza confirmase esta ilegalidade para Galiza, pois o sindicato xa presentara recurso ante o propio Supremo.
Antes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditaminara que os concertos educativos con centros que segregan por sexo eran legais. Para fundamentar esta sentenza recorría a unha convención da Unesco do ano 1960 en que se recolle que a separación por sexos no ensino non é discriminatoria sempre que os sistemas sexan equivalentes. Con este argumento o TSXG liquidaba a obriga que a Orde de concertos recolle de que os centros deben cumprir o artigo 84.3 da Lei Orgánica de Educación de 2006 en que se prescribe que o alumnado non pode ser discriminado por razón de sexo. Mais agora o TSXG ten que modificar a súa posición e admitir que a súa “doutrina fora superada” declarando ilegais tamén en Galiza estes concertos. Loxicamente reclamamos o inmediato cumprimento da sentenza. Mais a Consellaría parece que aínda se vai tomar un tempo e, baixo o pretexto de estudar a sentenza e valorar se presentarán recurso contra dela, deixan que os meses pasen.
Os feitos demóstrannos que este goberno de Feijoo favorece o ensino privado. Este ano comprobamos como os orzamentos destinados a centros privados non descenden na mesma proporción que o fan os destinados ao ensino público, onde a redución de unidades, de profesorado e de dotacións contrasta con que se sigan entregando máis de tres millóns de euros a centros privados, entre eles os cinco centros que segregan o alumnado e que pertencen ao grupo Fomento, que na súa páxina web declara que reciben atención espiritual da Prelatura do Opus Dei, por tanto vinculados ao Opus como algunha das empresas que conseguiu a adxudicación de varias escolas infantís no primeiro trimestre de 2012, cando a Consellaría de Traballo puxo en marcha a xestión privada dalgunhas das antes denominadas Galescolas.
Poderiamos preguntarnos a que obedece o interese da Administración galega por subvencionar con fondos públicos este tipo de centros, para os que en 2009 xa había un informe desfavorábel do goberno saínte, mais formular e responder a esa pregunta interésanos fundamentalmente a quen consideramos que a separación por sexos é unha maiúscula aberración. A quen defende unha ideoloxía neoliberal e goberna para avanzar no camiño desa ideoloxía financiar centros que segregan o alumnado por sexo é unha ferramenta máis para perpetuar unha sociedade patriarcal e desigual (e a LOMCE é outra ferramenta exemplar). Porque é imposíbel que se poida camiñar cara á igualdade de trato e de oportunidades e así eliminar a discriminación contra a muller cando se perpetúan sistemas que impiden a convivencia, que impiden educarse coa outra, comprender, respectar. Impedimentos que desde logo non contribúen a erradicar a violencia de xénero, sustentada no descoñecemento, o desprezo e a incomprensión. Quen defende a educación segregadora invoca, entre outros motivos, que os resultados académicos son superiores, e isto é o mesmo que propor ir separando por grupos homoxéneos en canto ao seu coeficiente intelectual, capacidades, dificultades, facer unha sociedade compartimentada, crear guetos contra elites. Mais é que eles consideran que non todos somos iguais, e moito menos todas.
Mais a cuestión fundamental, desde o noso punto de vista, é salientarmos que eivas introduce o ensino segregado. Xa sinalei que a educación segregadora contribúe a perpetuar unha sociedade inxusta e patriarcal na que a muller segue sendo discriminada e deste xeito é máis difícil erradicar a violencia machista. Estas é a primeira e máis grave consecuencia, tamén porque ten carácter global e afecta ao conxunto da sociedade. Mais hai tamén outras consecuencias, consecuencias a nivel emocional, pois a segregación priva aos nenos e nenas dunha convivencia necesaria a través da cal aprender a compartir as emocións, respectar as diferenzas, amar a outra, o outro. Coeducarse emocionalmente.
A existencia das sentenzas que declaran ilegais estes concertos son un avance. Mais fronte a estas sentenzas o goberno central do Partido Popular xa prepara un cambio de lei para facer legal o inadmisíbel, que este ensino segregador siga recibindo fondos públicos e que así Fomento siga confiando a atención espiritual destas nenas e nenos ao Opus dei. E isto grazas, entre outros motivos, a que a LODE, Lei Orgánica reguladora do Dereito á Educación, do ano 1985 non recolle entre os motivos de discriminación a segregación por sexo.
Isto debe levarnos á reflexión final, como é posíbel que despois de tantos anos loitando pola superación da discriminación da muller e reclamando un ensino coeducativo non contemos co soporte legal, nin con documentos de rango internacional que declaren a segregación por sexos como antipedagóxica? A resposta a esta pregunta pon de relevo a distancia entre a igualdade formal e a igualdade real, unha grande distancia que aínda temos que percorrer.

Artigo publicado no semanario Sermos Galiza o día 22 de marzo de 2013.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-03-2013 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática