acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Francisco de Castro enterrado en Bruxelas

Nestes días pasados tiven que viaxar a Bruxelas para representar a AELG nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas organizado pola Alianza Libre Europea – Os verdes, da que o BNG forma parte. A AELG foi convidada pola nosa deputada Ana Miranda para expor ante a comisión a situación da nosa lingua neste momento, en que a maior ameaza procede do propio goberno da Xunta, primeiro, e do Estado, despois, malia ter asinado este a Carta europea das linguas minoritarias, pois se veñen adoptando medidas lexislativas que reducen a presenza da nosa lingua no ensino coa incidencia que isto pode ter na súa pervivencia.

Un amigo da A.C. O Galo, ao saber que debía viaxar a Bruxelas, pediume que visitase Notre Dame du Sablon e que buscase e fotografase a tumba dun nobre galego alí enterrado. Unha tumba sobre a que xa escribiron Pilar García Negro e Xavier Queipo en cadanseu artigo.

Así o fixen e, seguindo as súas indicacións, procurei a tumba do galego sen a atopar. Tiven que preguntar á muller que estaba na entrada da igrexa que ao escoitar "Galice" comprendeu inmediatamente e díxome que ía buscar un traballador da igrexa que sabía do tema. O traballador era Miguel, un home da Coruña que falaba español cun acento estranxeiro propio de quen leva moitos anos fóra do País. El levoume até a tumba que eu pasara por alto, por non ter reparado no chan da igrexa. A tumba está exactamente na nave da dereita e xusto embaixo do coro, confundida a súa cor negra coa cor negra do chan.

A lápida está danada e hoxe xa non se pode ler o nome completo da familia á que se refere nin ver o escudo que a preside. Máis coa fotografía dixital primeiro e atopando despois o libro Inscricións funerarias de Notre-Dame du Sablon en Bruxelas, de Van der Haeghen, publicado en Gand en 1865, podemos comprobar o contido completo, que reproduzo a seguir, mesmo coa incorrección que contén na segunda data, como se pode contrastar coa fotografía da lápida, ao tempo que sabemos que o escudo é o escudo de armas da familia de Castro:

Cy bas est le caveau servant de sepulture a la tres ancienne et noble famille de Castro y Lemos bienfaitrice de cette eglise originaire du royaume de Galice en Espagne posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant colonel de cavallerie et brigadiere des armées de sa Maj(te) Cath(que) Charles II lequel est décédé le 26 mars 1709.

O certo é que non é doado traducir completamente o contido da lápida, especialmente no que se refere á parte: "posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant..." fundamentalmente porque Mess(re), considerando o criterio de abreviatura seguido na propia lápida, indica o inicio e o final dunha palabra que soamente cabe ser interpretada como messagère, "mensaxeira", en feminino. Por outro feu pode ser o substantivo "lume", que non parece acaer a este contexto, ou o adxectivo "defunto" que ao preceder o substantivo ten forma invariábel. Debemos ler entón o moi literario: "posta en 1708 por defunta mensaxeira "? Realmente debo confesar a miña ignorancia. En todo caso, malia a escuridade desta pasaxe e á espera de que alguén con coñecemento poida facer unha mellor tradución, podemos entender no conxunto da lápida:

"Aquí embaixo está a bóveda que serve de sepultura á moi antiga e nobre familia de Castro e Lemos, benfeitora desta igrexa, orixinaria do Reino de Galiza, en España, colocada en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro, en vida coronel de cabalería e brigadier de armas da súa Maxestade Católica Carlos II, que faleceu o 26 de marzo de 1729."

De onde sabemos que se trata dunha obra da Familia de Castro e Lemos que, segundo consta era benfeitora da igrexa e, como alí di, procedía do Reino de Galiza en España. E foi precisamente esta mención a que chamou poderosamente a miña atención, sorprendida de que a tantos quilómetros do país alguén fose así recoñecido, como orixinario do Reino de Galiza.

Quen era Francisco de Castro e que facía un galego da familia de Castro e Lemos en Flandres, no século XVIII? Sorprende que se referencie a Francisco de Castro como home de armas ao servizo de Carlos II, rei xa morto no momento de ser enterrado o de Castro e Lemos, mais durante cuxo reinado tivo lugar a Guerra de Flandres. En calquera caso os feitos lévannos a pensar que foi unha persoa de recoñecido prestixio para así permanecer entre os monumentos funerarios dunha importante igrexa de Bruxelas.

Procurando información a través da rede chego até o Nobiliario dos Países Baixos e o Condado de Bourgogne, elaborado por R. de Vergiano e publicado na cidade de Gand en 1865, que coincide co texto citado nas Inscricións funerarias, os Fragmentos xenealóxicos, volume III, onde atopamos a referencia a varios membros da familia de Castro, entre eles dous nenos: Jean-François de Castro, morto novo, e Emmanuel François-Joseph de Castro, morto en 1708 á idade de 15 anos, fillos de Jean-François de Castro, edil, burgomestre e que ostenta un cargo no señorío de Oudenarde, morto o 31 de marzo de 1745. Mais non conseguimos atopar ningunha referencia a un Francisco de Castro morto en 1729.

Nada podo achegar, tan só preguntas e unha fotografía que dan conta da morte dun galego en Flandres, enterrado nunha igrexa de Bruxelas. Mañá día 26 cumpriranse douscentos oitenta e catro anos da morte deste galego. Case tres séculos sen saber quen era, por que estaba alí, e que significa para nós. Outra evidencia de que se nos negou, e aínda se nos nega, a nosa historia.

Artigo publicado en Terra e Tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-03-2013 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática