acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Meniña gaiteira e universal

Hai uns días, escribindo unha recensión do libro A ansia do lóstrego, de Medos Romero, iniciaba o meu artigo cunha referencia ao autor ruso Vsévolov Garshin. Citábao porque coincidira a miña descuberta da súa obra coa lectura do libro do que quería falar, unha coincidencia que foi máis alá do feito físico de ler dous libros a un tempo, pois ambos os dous poden ser lidos como discursos antiimperialistas. Se Medos Romero constrúe en A ansia do lóstrego unha elexía en que se denuncia a colonización do noso país e o desarraigo dos labregos, Garshin fai dos seus relatos unha denuncia da guerra mostrándonos as penalidades dos labregos rusos convertidos en soldados.

Mais mentres ía escribindo reparei en que estaba traendo ao meu texto un autor alleo como paradigma da literatura comprometida. Entón, cambiei de parágrafo e reparei no feito, consciente de que para falar de literatura comprometida, non destinada simplemente a cantar a beleza da paisaxe, podía e debía argumentar o meu discurso coa referencia a unha autora moito máis próxima. Naturalmente referíame a Rosalía de Castro. E foi así como finalmente a autora de Cantares galegos foi paradigma da literatura comprometida, empregando para exemplificalo esta cita do Prólogo de
Cantares:

".... facerlle mais palpabre á España á inxusticia qu' ela á sua vez conosco comete.

Foy este ó movil principal que m' impeleu á pubricar este libro, que mais que nadie, conoço que necesita á indulxencia de todos.
"

Hoxe, despois de termos celebrado o Día de Rosalía, fago memoria desta anécdota escritoril para reparar no seu transfondo: a incapacidade para recoñecer no propio un modelo universal. A incapacidade para vermos en Rosalía e outros clásicos galegos que son tamén paradigma e exemplo, ás veces mesmo con anos de adianto e maior lucidez cós que consideramos referencias universais. Porque é unha realidade que en moitas ocasións tomamos como modelo autores e obras estranxeiras, tendo modelos propios na nosa propia lingua. E isto non é máis ca outra evidencia da colonización cultural que tamén padecemos.

Sucede adoito cando falamos das escritoras e da conciencia feminista. Cantas veces non teremos citado a obra de Virxinia Wollf, Un cuarto de seu. Porén para o mesmo propósito poderiamos e deberiamos citar a Rosalía de Castro que, moitos anos antes de que Virxinia Woolf tivese a oportunidade de impartir as conferencias que logo deron lugar á obra tan amplamente referenciada, xa describira a situación da muller galega, e mesmo da muller escritora, nas súas obras. Mais Rosalía non naceu inglesa, nin en inglés escribiu, non coñeceu o acceso da muller ao voto, nin tivo a oportunidade de realizar un ciclo de conferencias sobre a muller como escritora. Escribiu nunha lingua insultada (a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nás mais ilustradisimas províncias), para un pobo negado (prá desir un-ha vez siquera, y anque sea torpemente, ôs que sin razon nin conocement' algun nos despreçan, qu' a nosa terra é dina d' alabanzas), loitando sempre contra os que nos desprezan (Mais he aqui qu' ó mais triste nesta cuestion, é á falsedade con que fora d' aqui pintan así ôs fillos de Galicia com' á Galicia mesma, á quen xeneralmente xuzgan ó mais despreciable e feyo d' España, cando acaso sea ó mais hermoso e dino d' alabanza)

Sempre que nos achegamos á súa obra comprobamos que é unha fonte que nunca se seca e que nela seguimos atopando as palabras necesarias, aínda hoxe. Palabras completamente vivas, que seguen sendo a mellor forma de expresar os nosos pesares, as nosas alegrías.
No ano 2010 a AELG rememorou o traslado dos restos mortais de Rosalía desde a Adina a Bonaval e desde entón a Asociación que representa a todas as escritoras e a todos os escritores galegos tomou para si a encomenda de instituír o Día de Rosalía propoñendo ano tras ano a lectura pública dos seus versos. E unha desas lecturas é sempre no Panteón de Bonaval, para seguir lembrando que reclamamos o uso público deste lugar onde depositamos a memoria do que nos é máis querido.

Así aconteceu onte mesmo, no ano en que conmemoramos os 150 anos da publicación de Cantares Galegos. Acordes, compases e versos que puxeron na nosa voz a voz do pobo, ese pobo que pediu unha voz, has de cantar meniña gaiteira, para esixir a restauración das inxustizas con el cometidas. O mesmo pobo que segue a pedirnos, desde o máis fondo

Que cant' e que cante
Na lengua qu' eu falo.



Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 25-02-2013 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática