acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Día de Rosalía
Onte celebrouse en Vigo a lectura de poemas de Rosalía que con motivo do seu día organiza a AELG por todo o país.

Alí acudimos unha vez máis. No acto interviñeron Vitor Vaqueiro, Francisco Castro, María Reimóndez, Pedro Fernández Núñez, Manuel Vidal Villaverde, Clara do Roxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Xosé Luís Grande Grande, Antón Costa e Laura Caveiro. A min correspondeume presentar o acto e Rexina Vega pechouno lendo o manifesto. Sumáronse á lectura Rosanegra, Pi Brasa, Sara Porrit e Alba María Rodríguez Díaz.

Na presentación lin algunhas estrofas do primeiro poema de Cantares Galegos, publicado 150 anos atrás na mesma cidade de Vigo que nos escoitaba.

Ía un grandísimo frío. A rúa non estaba tan chea como outras veces, malia ser O Prícipe a máis céntrica rúa do paseo vigués. Mais á calor dos versos de Rosalía alí se foron amparando as e os camiñantes, até que máis dun cento de persoas termaron do frío para abrigar a alma.

Fermoso acto.

«As de cantar
Meniña gaiteira,
As de cantar
Que me morro de pena

...
Canta si queres
Na lengua qu' eu falo,
Dareich' un mantelo.
Dareich' un refaixo.
...

Asi mó pediron
Na veira do mar,
A ó pé das ondiñas
Que veñen e van.

Asi mó pediron
Na veira do rio
Que corr' antr' as erbas
Do campo frorido.

...

Lugar mais hermoso
Non houbo na terra
Qu' aquel qu' eu miraba,
Qu' aquel que me dera.

Lugar mais hermoso
No mundo n' hachara,
Qu' aquel de Galicia,
Galicia encantada!

...
Cantart' ei, Galicia,
Teus dulces cantares,
Qu' asi mó pediron
Na veira do mare.

Cantar t' ei, Galicia,
Na lengua gallega,
Consolo dos males,
Alivio das penas.

Mimosa, soave,
Sentida, queixosa,
Encanta si rie,
Conmove si chora.

Cal ela, ningunha
Tan dulce que cante,
Soidades amargas,
Sospiros amantes.

Misterios da tarde,
Murmuxos da noite:
Cantar t' ei, Galicia,
Na veira das fontes.

Qu' asi mó pediron,
Qu' asi mó mandaron,
Que cant' e que cante
Na lengua qu' eu falo.

Qu' asi mó mandaron,
Qu' asi mó dixeron...
Xa canto, meniñas,
Coidá que comenzo.

Con dulce alegria,
Con brando compás.
O pé das ondiñas,
Que veñen e van.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-02-2013 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática