acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

LITERATURA E COMPROMISO: A MEMORIA.
Recupero este artigo de 2003 publicado en A Nosa Terra. Foi escrito despois da morte de Martí i Pol e da celebración do Galeusca coa Memoria como tema.



Non acredito na arte pola arte. Desde sempre considero e defendo que a arte debe estar intimamente relacionada e comprometida co mundo en que nace. Entre as súas funcións teño para min que a interpretación da realidade e o compromiso coa sociedade á que se dirixe é fundamental, pois é nin máis nin menos que a esencia mesma da comunicación. Mesmo cando elaboramos literatura escapista, estamos a adoptar unha postura concreta no mundo, a da negación.
Valoro inmensamente a literatura comprometida, pola súa carga comunicativa e, especialmente, pola súa dificultade. Se é un misterio como a través da palabra podemos facer vibrar almas e estómagos, como podemos condensar nun conxunto de sons a esencia mesma dos sentimentos, máis inexplicábel é poder conseguir conmover unha muller, un home, un pobo, e suscitar neles a necesidade de pensar, de preguntar, de reaxir. O compromiso en literatura é unha das ferramentas máis difíciles de utilizar, pois entre a literatura e o panfleto pode haber só un paso.
O momento que estamos a vivir demostra até que punto o compromiso é necesario e tamén a extraordinaria recepción entre unha sociedade necesitada de palabras de alento, de solidariedade, de tomar emprestada a expresións dos sentimentos que tamén son seus. Vivimos un tempo neboento en que se meden as palabras, calcúlanse as mensaxes, considéranse as consecuencias, pois estamos sometidos a unha interpretación mediática disposta a levarnos ao paredón da crítica estabelecida, un momento histórico en que a liberdade de expresión xa non significa o mesmo e as ferramentas do sistema para impornos unha determinada realidade están a pleno funcionamento. Son as horas do eufemismo e da revisión da linguaxe, o diccionario perdeu o seu valor.
Por iso nesta néboa determinadas empresas culturais son os fachos que nos abren o camiño, ese camiño que vén do pasado, que nos trae a memoria, elemento fundamental para costruírmos o futuro. A recuperación da memoria foi o tema fundamental do Galeusca, un encontro contra a guerra; a memoria das catástrofes inmediatas está en Salitre, a obra de teatro de Volta e Dálle, ou en Sempremar, a homenaxe que a Plataforma contra a Burla Negra realiza ás xentes da cultura.
Na memoria levaremos a Martí i Pol, poeta do seu país e do seu tempo. E na memoria levamos a Bóveda, sempre, e exerceremos o noso dereito a reclamar que se revise o xuízo ao que foi sometido, que se restaure a súa memoria. É o noso dereito de cidadáns, reivindicar a liberdade de acción e de palabra, a dignidade do noso pobo e dos nosos devanceiros, dos avós e avoas que perseguiron, que prenderon, que nos mataron.

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 11-03-2013 08:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática