acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O exterminio das ideas
"Falo dun posíbel exterminio das
ideas, da palabra dignidade,
dese xeito en que van quebrándose as bandeiras."


Quixo a casualidade que, ao tempo que coñecía e lía os relatos de Vsévolod Garshin, chegase ás miñas mans o último libro de poesía de Medos Romero. Foi así como unín a narrativa do escritor ruso do XIX e a poesía da escritora galega. É por isto polo que, ao iniciar estas letras para falar de A ansia do lóstrego, recollo as palabras de José Carlos Mainer cando sinala que Garshin pertenceu a unha xeración de escritores rusos que "decidiron que xamais a arte podía cifrarse na acaramelada reprodución dunha bela paisaxe primaveral... senón no reflexo da dor do mundo do traballo dos humildes...".

De certo que non tería que remitirme a aquela xeración de escritores á que tamén pertenceu Chéjov. Bastaría con citar unha obra anterior e moitísimo máis próxima, unha obra da que neste mes de maio se cumprirán 150 anos: Cantares galegos, nacida do desexo que a súa autora tivo de empregar a palabra literaria, o verso, para facer evidente a inxustiza que se estaba a cometer co noso país:
".... facerlle mais palpabre á España á inxusticia qu' ela á sua vez conosco comete.
Foy este ó movil principal que m' impeleu á pubricar este libro, que mais que nadie, conoço que necesita á indulxencia de todos
."
Garshin e Chejov eran uns nenos cando Rosalía de Castro escribía estas palabras e iniciaba o camiño da restitución da nosa lingua literaria acometendo a tarefa de retratar e reivindicar a dignidade dun pobo.

Mais a casualidade uniu a Garshin con Romero, e desde a palabra impresa alzouse un berro antiimperialista e solidario cos desherdados, os humildes.

A ansia do lóstrego
Lin esta nova entrega poética de Medos Romero expectante. Non é ela unha autora que frecuente os "escaparates" literarios, nin o seu nome aparece todas as veces que debera cando se fala da poesía galega. Por iso é para min unha tarefa necesaria, urxente, falar da súa obra, explicar por que debe ser lida, salientar a dificultade da creación do seu verso.

Xa no seu día sinalei a importancia dun libro como O pozo da ferida. E este A ansia do lóstrego é unha nova afirmación da capacidade da poeta das Pontes.

Teño afirmado que non acredito na arte pola arte, que considero e defendo que a arte debe estar intimamente relacionada e comprometida co mundo en que nace e que ten a función de interpretar a realidade. Mais ese compromiso non é tarefa doada para a escritora, ben ao contrario. Por iso celebramos que haxa poetas que conseguen conmovernos e remover as nosas conciencias ao falarnos das consecuencias da colonización do noso país ("Todo o alleo era benvido, / e nós non eramos quen de ser donos de nós."), unha colonización perpetrada polo capital, un capital que desherdou os labregos e os converteu en "... man de obra barata,/homes, sen máis."

A través da palabra de Medos Romero a dura realidade do espolio económico e medioambiental que foi a mina a ceo aberto das Pontes convértese en poesía, versos en que se denuncia a perda das orixes, o desarraigo dos labregos, a alienación do ser humano convertido en asalariado, a loita de clases retratada en cada verso (e até as figuras retóricas están ao servizo da denuncia). Versos en que se caracteriza ese capital colonizador: "O xigante impón a dentadas / a súa virilidade hostil e poderosa." A súa proxección no tempo até os días de hoxe, nesta crise dun sistema que se alimenta de nós mentres nos destrúe: "A ceo aberto, hoxe a ameaza, / o tremer da crise, esta incertidume, / o vil metal."

Medos Romero consegue poetizar a crítica da desfeita e nos seus versos caben palabras como: asalariado, obreiro, sindicalismo, ecoloxía... mentres escribe esta elexía: "A ruína é esta patria abandonada / á súa sorte." E ao lado da palabra as imaxes en branco e negro da enorme cicatriz na terra, a fealdade de grúas e escavadoras ilustrando a palabra.

Certo que "vagamos ... exhaustos e inexpertos, desautorizados / e talvez vencidos" mais cómpre deterse e ler, para pensar, para lembrar, para reflexionar, para aprender e reaccionar. Porque estes versos falan dunha desfeita pasada que acada o presente, denuncian o que sucedeu, mais segue a estar aquí. É un retrato atemporal que nos fala de onte e que é, ao mesmo tempo, a mellor imaxe do que hoxe sucede. Por iso, como di a poeta nun dos últimos poemas do libro:
"É preciso deterse nesta paisaxe, contemplar o abismo
para descifrar a vertixe desta mala
hora, mediar a nosa presunción
de inocencia, a furia do capital,
a fartura dos días ...
"

Ler, reflexionar, reaccionar. Deberamos conxugar os seus imperativos. Agardar xa non é o verbo que precisamos. A poesía pode ser un misto para prender conciencias:

"Tedes medo. Non o queredes ver. Onde
quedou a vosa conciencia,
onde a vosa solidariedade, a xustiza, o corazón mesmo?"


Febreiro de 2013.
Artigo publicado en Sermos Galiza.

Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 18-02-2013 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática