acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Herdanza, en Retallos de Gondomar do Miñor
O pasado sábado 15 de decembro, presentouse en Gondomar o libro: Retallos de Gondomar de Miñor, un libro colectivo escrito por 60 veciños e veciñas de Gondomar que foi coordinado polo arquitecto Antonio Soliño. A obra naceu como libro que represente a Gondomar e sexa agasallo de visitantes, ou mesmo habitantes.

En www.valminor.info podedes ler unha crónica da presentación á que non puiden asistir porque aínda non aprendín a estar en dous sitios a un tempo.

Para o libro e ilustrando unha panorámica da Foz do Miñor desde o alto da Paraguda (Peitieiros - Couso, Gondomar)escribín este texto:

Herdanza

Arfa. Só o peito se move no seu corpo tenso que crea unha figura de aparencia guerreira. Desde aquí poderá descubrir a chegada dos homes dacabalo, polos relampos do sol nos seus cascos. E entón sairá correndo de novo, onda aos seus.
Escollérona a ela porque foi a primeira en andar de todos os cativos que naceran aquela primavera, porque nunca enfermara e porque ía cos homes á caza dos porcos bravos. Cando por fin comeza respirar pausadamente, repara nas grandes illas que os defenden do que non se pode ver, mais non deses homes que falan unha lingua estraña e van cubertos de metais refulxentes. Os homes que empuñan os “gladius”, os homes que rouban todo o que atopan ao seu paso.
Mentres vixía, pensa. Pregúntase se seguirá viva despois de que o sol se poña, se seguirá neste lugar, se poderá seguir adorando as illas que os defenden, se un día outra muller coma ela sentará tamén neste lugar para asexar a chegada doutros guerreiros sanguinarios.
Dous mil anos despois, outros ollos contemplan a distancia, senten a vertixe do Val e procuran as augas de todos os regueiros que conflúen no Miñor: Touróns, Seide, Touteiras ou Morgadáns. Regatos ao pé dos que se ergueron os muíños hoxe esboroados. Desde as pedras do Curutiño do Matalagartos xa non se ve unha extensión de bosques e auga. Tellados e tellados compoñen unha paisaxe profundamente humanizada.
As mulleres e os homes abandonaron os cumes da Paraguda, agora viven onde o río é máis ancho, de costas aos petróglifos, que son a testemuña certa de que a súa estirpe vén de moi, moi lonxe.
Nas terras das que bebe o Miñor, mulleres e homes que non lembramos foron deixando a súa pegada, ás veces imperceptíbel, neses teixos ou érbedos que resistiron ás plantacións de eucaliptos. Outras veces moi próxima, aínda que non reparemos nela, como eses nomes que nos contan a historia de cada pedra, cada volta en que o vento peitea aínda o lombo das eguas indómitas. Sempre nesta lingua que mantemos viva e na que nos gusta dicir: rabaqueta, marrucho, follarca.
É a nosa herdanza. E nós, que a recibimos, debemos entregala, intacta, aos que despois de nós seguirán neste Val, enchéndoo de vida.

Marta Dacosta, xuño 2012
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 18-12-2012 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática