acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Mariñeiro
O pasado 7 de decembro, nas xornadas "Dez anos de loita por un mar de vida" celebradas en Lira, Carnota, participamos nun recital poético-musical que a través dos versos quería facer memoria da catástrofe.

Tamén en 2003, no mesmo Porto de Lira, houbera outro recital. Daquela o recital fora na punta do espigón. Este ano foi dentro dunha carpa que non era quen de evitar facer que nos sentíramos como nun barco, azoutados polo vento do mar.

Neste recital lin, entre outros, este poema dedicado a meu avó, mariñeiro de Vigo, que foi perdendo a razón ao mesmo tempo que o mar, cheo de piche. O poema foi escrito o 11 de decembro de 2002 e está publicado no libro colectivo da AELG: Alma de beiramar.

MARIÑEIRO

O avó xa non sabe se vai saír ao mar
ou se o barco varou definitivamente
no areal dos oitenta e tres anos aínda
non cumpridos.
O avó xa non sabe se vai saír ao mar
ou se vén de regreso,
e a tarde afoga na ría que se afasta.
O avó xa non sabe que tempo ten a avoa
e segue a ver a moza de dezanove anos.
O avó ten os dedos deformados e rotos
a vista ensombrecida, o coiro renegrido,
leva sal, leva vento incrustado nos ollos,
leva anos de humidade, de salitre,
de medo e noite
ás costas.
O avó non pecha os ollos e deixa que o mar saia
en ondadas enormes.

Quizais sexa mellor
que xa non leve a conta
de saídas e atraques,
quizais sexa mellor
que xa non poida ver
este horizonte negro
esta porta infernal
que nos pechou a ría.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 14-12-2012 07:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática