acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Premio de poesía Victoriano Taibo

O pasado sábado 17 entregrouse o premio de poesía Victoriano Taibo a Conchita Álvarez Lebredo.

Ademais de ler a acta do xurado do que formei parte, correspondeume realizar unha semblanza do poeta que dá nome ao certame. Velaquí un fragmento:

Taibo, como Cabanillas ou Manuel Antonio, poetas cos que compartiu amizade e inquietudes literarias, dedicou unha parte importante da súa produción a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso co país, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra. Foi, pois, un poeta cívico e reivindicativo, mais esta vontade non lle impediu, como sucede adoito cos grandes escritores e escritoras construír unha obra literaria en que tamén deixaron pegada as reivindicacións estéticas do seu tempo. De aí que se achegara á poesía vangardista ou que a súa obra sexa o tránsito entre os ecos do Rexurdimento e a necesidade dunha nova poética, e así, ao lado de poemas dunha grande forza intimista, están aínda poemas que manteñen o costumismo doutrora.
Taibo foi un poeta de grande proxección no seu tempo, logo inxustamente esquecido, inxustiza que desde o IEM tentamos restaurar. Nas décadas dos vinte e dos trinta do século XX, o mestre de Morgadáns era recoñecido por ser “unha d’as contadas persoas que n’a nosa literatura poética érguense por riba da vulgaridade e pensan en algo máis fino que versos in-espritoaes, groseiros e desprestixiosos” como dicía o propio Manuel Antonio. Fronte a isto, Taibo trasladaba unha imaxe extremadamente modesta de si mesmo “fago versos sin cultura nin preparación. ... Avella escura do cortizo da Terra, -só da Terra!- non teño máis celme que o que deito nos meus versos...”.

Cabanillas definiu a Taibo como “Poeta, meu irmán na loita eterna, // roxa, abafante, brava”. Outro poeta, López Abente, reférese a Taibo como un corazón vermello e valente que brilla na tormenta, un poeta da nova época dos loitadores que deixa atrás o tempo dos doridos prantos. As palabras de Cabanillas e López Abente están extraídas dos poemas conmemorativos cos que, a xeito de prólogo, se abre o primeiro libro publicado en 1922 por Taibo, Abrente, libro rematado en 1921 e que contén poemas de temática patriótica, costumista, intimista e vangardista.
...
Na obra de Taibo hai sempre unha mención ao país, unha mención dirixida a gabarse da nación, ou destinada a criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo é, como dicíamos, un nacionalista loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslle moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.


Para rematar, lin de novo o poema Brúa o mar, con motivo do décimo aniversario do afundimento do Prestige.
Comentarios (1) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 22-11-2012 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Fermosa 'semblanza'#blgtk08#, Marta. ¡Parabéns!
Comentario por Armando Requeixo (05-12-2012 10:00)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática