acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Contra quen nega
Contra quen nega

A xeración dos nosos pais quéixase da transición. Adoito lembran que non houbo a ruptura necesaria e que iso condicionou os anos que viñeron despois, este presente que vivimos e que tanto nos afoga.

Nós eramos adolescentes, tomamos nota de que cumpría defender os nosos dereitos e mentres os pais atravesaban a cidade en contra da reconversión naval, as fillas saiamos á rúa denunciando o incremento en unha peseta do billete de autobús e reclamando un bono estudantil, que chegaría anos máis tarde. Ao tempo comezabamos desañar os primeiros fanzines cutres dos 80, canalizando a necesidade de contestación a través da creación gráfica e literaria. O caso é que a pesar de predominar a mancha de tinta nas nosas bandas deseñadas, tiñamos unha percepción nítida do que non nos representaba e tomamos o camiño da nosa lingua, entón e sempre signo identitario incuestionábel. Outros estaban máis pendentes de non perder o vagón final e dicían aquilo de que Madrid se escribía con V de Vigo…

A banda sonora da nosa mocidade foi diversa, eran malos tempos para a lírica e trunfaban letras que falaban dunha moza desaparecida no ultramarinos (“horror en el hipermercado”), quen nos diría a nós que a pseudopunki de voz grave que aparecía nos nosos televisores sería co andar do tempo asumida polos herdeiros do réxime que pechaba un capítulo en novembro do 75.

Son as cousas da vida, que anda e desanda, e un día fai que nos paremos ante os anos que pasaron para comprobar que máis alá dos cabelos brancos, tintados ou non, o presente revela a verdadeira faciana de persoas e colectivos.

Así que mentres uns se nos mostran como individuos profundamente conservadores, malia as aparencias estéticas, outros seguen sendo tan centralistas coma sempre. Porque, ao fin e ao cabo, ser antinacionalista non é ser conservador, un pode dar renda solta aos seus delirios oníricos e pasear a súa honra ofendida polos bulevares de Hollywood sen deixar de ser superprogre por asinar contra os cataláns que reclaman o seu dereito a decidir como pobo. Eurocomunistas e liberais conviven sen conflito contra os bárbaros da periferia, eses que desde as súas linguas, “provincianas”, se dedican a exacerbar o nacionalismo.

Porque o perigo somos nós, as que nos empeñamos en ser. Non houbo ruptura, só un pacto que os reconciliou, mentres coincidían contra os que reclamabamos xa o noso dereito a decidir. E seguen unidos nesa oposición, tamén con tentáculos que se adentran cara a nós para romper o eixo do debate e deixar fóra as nosas lexítimas demandas nacionalistas, porque eles, os progres, din que o urxente é só estar contra a dereita, sen importarlles que a lingua e a identidade lles quede no camiño.

E non. Seguimos empeñadas en ser.

Novembro de 2012.

Este artigo foi publicado en Sermos Galiza e o Portal do Val Miñor.

Imaxe: recital "Na cidade espida" en 1987.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 08-11-2012 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática