acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Como se nacese aquí
Este texto, que máis ca un artigo é un relato breve, escribino en 2001 para a Revista de Estudos Miñoranos, dentro da sección "O meu Val Miñor" e refere a miña relación co lugar no que vivo hoxe, Peitieiros. Estes días foi publicado na web do Instituto de Estudos Miñoranos.

Como se nacese aquí.

Como se nacese aquí levo o nome da avogada dos imposibles á que miña nai se encomendou unha madrugada de chuvia. Unha madrugada en que Peitieiros botaba os fogos da festa do patrón, a festa cristianizada da exaltación da recolleita e a vendima. Porque fun nacer o día do patrón, e vin a luz por primeira vez mentres homes e mulleres que hoxe son os meus veciños percorrían o adro agradecendo a Deus a boa colleita de millo, uvas, castañas, patacas, rabaquetas ... e tantas outras cousas.
Non sei por que viñemos parar a este lugar do sur, non sei iso como non sei por que nacín onde meus pais naceron, nin por que ao pasar os anos, e despois de adaptarme a outras cidades, a miña vida deu un xiro radical para devolverme ao sur, ao lugar por onde corre o río Morgadáns co que tantas veces me identificaría.
Antes diso, e durante moito tempo, Peitieiros era o refuxio da guerreira, único lugar do mundo en que as rosas nacían no mes de decembro para regalar á miña alma unha paz inexistente. Confundíame co río chegando tan manso ao mar para logo revolverme e rebelarme contra os cons da costa que baixa cara a Viana, de onde o meu sangue vén.
Aínda antes de me dar en adopción a estas terras do Miñor, xa procuraba nelas o paraíso necesario para quen se entrega a miles de guerras cada día. E atopábao. En calquera lugar desta aba da Serra do Galiñeiro atopei o acougo que me faltaba e fun construíndo un imán que me atraeu definitivamente cando mudou o vento e tiven de pechar as portas da casa compostelá para alicerzar unha nova casa no mesmo lugar en que o día en que nacín caían as canas dos foguetes da festa.
A memoria loitou por recuperar as lembranzas da nenez no Val Miñor, pero tantas guerras crearan a estratexia do esquecemento e tiven que volver repasar cada lugar e, ás veces, cada rostro, algúns xa irrecuperables.
Volver polos camiños de Prado cara ao Aloia, ou polo curso do río cara a Murxido, volver polos camiños de Gonda, San Roque, Peroleira, San Cibrán, VIlaza, A Torre ... Volver para me dar conta de que son moitos os tesouros que agocha a terra que nós pisamos, este lugar fermoso como poucos e tan descoñecido.
Aínda hai pouco, estando lonxe de Galiza, fixen o que fago tantas veces cando me preguntan de onde son. Podería responder que son de Vigo ou do sur da provincia de Pontevedra, e o meu interlocutor quedaría satisfeito. Pero eu sempre respondo que son de Gondomar, só para comprobar a estrañeza do outro e como un grande interrogante se debuxa no seu rostro.
Fágoo a propósito, só para ter que falar de Gondomar e poder dicir que aquí se atopa un dos pazos máis fermosos de Galiza, cuns xardíns que poderían constituír un magnífico xardín botánico. Ou para dicir que aquí naceu un dos homes máis ilustres da súa época: D. Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, primeiro embaixador do estado español en Londres, que tivo para si a encomenda de defender os dereitos pesqueiros dos nosos mariñeiros con máis orgullo e mellor empeño có de moitos políticos de hoxe.
Ou para dicir que somos un dos lugares de Galiza poboados desde o principio dos tempos como o certifica a nosa ricaz toponimia, e como o explica a benignidade do noso clima e a xenerosidade da terra.
Os nomes de lugar, que tan marabillada me teñen. Durante anos pregunteime cal era a orixe de Peitieiros, pensei en varias posibilidades, e mesmo creo que cheguei a saber cal é a súa verdadeira orixe, pero, sen dúbida, a explicación que máis me convenceu foi a que me deu unha amiga. Aquí, neste lombo de terra que as augas forman ao converterse en ríos, as mulleres, que adoitaban levar os cabelos extremamente longos, baixaban cada tarde ao río, o amado río, para peitear os seus cabelos cos cardos que foran recollendo polo camiño. E de aí, dese acto ritual de peitear os cabelos no río, vén o nome desta parroquia.
O Val Miñor foi sempre o meu lugar de acougo e de paz, por iso non houbo dúbidas cando o regreso, só podía retornar aquí, e aquí quero que medre o meu fillo, aquí quero que reciba en herdanza esa lingua agochada, que se vai desfacendo co paso dos anos, como o seixo que a rodea, esa lingua en que por veces aínda podemos escoitar a fermosa fonética do sur de Galiza e ese vocabulario que nos identifica e permite que nos recoñezan alá onde imos.
Tamén eu quero para min esa lingua, e será especialmente fascinante poder escoitala despois da derradeira viaxe, cando xa non sexamos nada máis ca cinzas, cinzas enterradas ao pé dun castiñeiro no camiño que sobe ao Curro Vello, un castiñeiro vello desde o que poida seguir vendo o mar.
Así llelo deixei escrito.
Como escrito queda, estrado por tantos poemas e libros, o meu amor por esta terra. Desde o primeiro libro, que comecei a escribir nos anos oitenta, un libro en que se recollen moitos textos que falan do afastamento do mar, do afastamento da benignidade destas terras, instalada nunha cidade de pedra en que o orballo, a poalla, está presente a cada hora e apenas se pode adiviñar o sangue do sol no caer da tarde.
Libro tras libro ata redefinir o concepto de Sur, sur deste país, da nosa terra, da nación á que pertencemos, lugar de alfándega que foi camiño de exilio e rota de pobreza, río de dor que meu avó atravesou tantas veces, só por se recoñecer noutro sotaque distinto.
E entre o río e o mar a miña herdanza e este lugar pequeno, tan inmensamente grande, en que me oculto. De onde xa non son capaz de saír, porque me pesan os pés e todos os camiños me parecen longos, extremadamente longos, porque só levan a lugares distantes, fríos e sen luz.
Comentarios (2) - Categoría: textos editados - Publicado o 05-09-2012 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Vaia. Nótase o teu amor por estas terras sureñas.
Eu son adoptado a#blgtk08#quí pero síntomecoma na miña casa anque non sei expresalo tan ben coma ti.
Comentario por paideleo (07-09-2012 00:40)
2 Grazas, a verdade é que nacer en Vigo e ron#blgtk08#dar o Val Miñor desde os 8 anos fai moito.
Comentario por Acuática (07-09-2012 18:27)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática