acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Homenaxe a Bernardino Graña
Este primeiro de setembro, mes no que naceu o poeta, a Coruña acolle a homenaxe nacional a Bernardino Graña, Medre o mar!

A homenaxe foi organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e conta coa colaboración de diferentes entidades. E alí estarei.

É un dos poetas por min máis admirados, tal vez por iso recurrín a el no seu día para prologar o meu primeiro libro, Crear o mar en Compostela.

E esa admiración naceu de poemas coma este:

Que non o saiba o vento namorado

(Nos días do desastre do petroleiro Prestige)

QUE NON 0 SAIBA 0 VENTO namorado
que vai agarimando, unha a unha, as praias.

Non é siroco, ningún vento seco
o que nos ceifa a vida dos pequenos,
o que arrasa as casoupas, o que rouba
as forzas das mulleres entregadas
ao diario labor, o que desgarra
as carnes das nacións sacrificadas
en aras do progreso da falacia.

Non é o vento cruel, nin a arrogancia
de tiranos gordechos e ignorantes
sobre tribos humildes e selváticas
cubertos de ouro e peles de animalias.

Nin son nenos famentos, nin obreiros
os que andan a estragar, a desangrarnos,
a machucar as rosas e os ensoños,
a macular a gloria da alborada.

Non son horríbeis bocas de lamprea
os que nos van mirrando aldeas, saiba.
Nin son os mariñeiros os que manchan,
os que chuchan o sangue e toda a alma.

Sabemos de dragóns con moitas linguas,
con moitos barcos cheos de cobiza,
serpes con máis de sete testas malas,
parlantes monifates con gravata,

que ignoran sacrificios, que non saben
o doce ollar calado e solidario,
que venden todo o mundo ao negro inferno,
que esquilman cada día, sempre en ansia,
sen sombra e sen amor, pois nunca aman.
(sen sombra e sen amor, pois nunca aman)

Non é siroco, ningún vento negro
que xoga a ser a morte con gadaña.

Que non o saiba o vento namorado
que vai agarimando unha a unha as praias.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2012 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática