acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O deserto de Laura, o noso deserto
Entregando o premio Mellor novela do ano 2011, da AELG, a Antón Riveiro. Foto de TokioHai moito tempo unha colega recomendoume que lese As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Por circunstancias, non foi ese o primeiro libro que lin do autor, aínda que cheguei a el e entendín e valorei a recomendación que me fixeran. Logo viñeron Os ollos de K, obra pola que tamén votei no seu día, con motivo da elección da mellor obra narrativa do ano para a AELG. Así que, xa antes de chegar á lectura de Laura no deserto, era a miña opinión que Antón Riveiro Coello é un dos grandes narradores galegos actuais. O trato persoal, despois de coñecelo naquela criticada viaxe á Feira do libro de Cuba de 2008, reforzou o aprezo ao escritor.

Souben de Laura no deserto a través da entrevista que Ana Romaní fixo a Antón Riveiro no seu programa. Quedoume claro que debía ler aquela novela. E por se fora pouco, coñecer o seu proceso de elaboración, na presentación que se realizou en Gondomar, foi aínda un motivo máis, e de moito peso, para comezar lela inmediatamente. Naquela presentación Riveiro Coello falou dos cinco anos de documentación e escrita, da vontade de falar dunha muller represaliada como Mercedes Núñez, mais facelo mediante o xogo de espellos que é a ficción, converténdoa en personaxe de novela, unha especie de eco da súa protagonista Laura, e así poder narrar desde a ficción todo o que foi a realidade. Porque, finalmente, a ficción nos permite afondar nas feridas sen mancarnos, mais poñendo a vista todo a súa dor.

Durante a presentación, Antón Riveiro detívose a explicar por que aínda debemos seguir escribindo sobre as guerras, ou a guerra que nos eivou no século XX. Debería dicir, por que a propia guerra e as súas consecuencias deben seguir sendo tema literario, pois inexplicabelmente, malia estarmos falando do acontecemento que marcou a nosa historia recente e que debería ser motivo, marco ou tema de moitas obras literarias, quero dicir, de máis obras literarias, atopamos voces que falan de que o tema xa foi explorado de máis. Lémbrame isto ás deturpación ás que se someten os noso esforzos. Traballamos para desfacer as inxustizas e restituír a dignidade, ao pobo, á lingua, ao noso xénero, á nosa clase... e eses esforzos incontestábeis acaban sendo absorbidos, mimetizados e manipulados até convertelos en excesivos e recorrentes, paso previo á súa estigmatización, que se a sometemos á pregunta de “a quen beneficia?” acabamos por comprender que unha vez máis esta sociedade capitalista que nos afoga impón o seu criterio. Outra novela sobre a guerra, pois si, e tan necesaria como todas as anteriores e como todas as que aínda deben ser escritas e nós, as lectoras, os lectores, queremos ler. A nosa ansia de xustiza non ten fondo e son moitas as historias que quedan por contar.

Laura no deserto é unha novela complexa e ambiciosa, que pon ante nós as miserias do tempo que nos pariu e, a pesar de todo, é quen de deixarnos un pouso de optimismo, a capacidade de confiarmos en nós mesmos, no futuro. Mentres lía, tiña a sensación de estar a mover os palillos até conseguir un encaixe que me mostrou toda a grandeza das persoas ás que lle tocou resistir naquel tempo (nunca as homenaxearemos abondo). Porque a súa estrutura é como a elaboración dunha peza de encaixe, trenzando fíos que aparentemente non teñen nada que ver, acabamos comprobando que todo ten relación e encaixa no deseño final, onde a obra acada o seu significado pleno.

“Son dona dunha ausencia, dun baleiro de case corenta anos, dun abismo que se abre dentro de min”

Quero destacar o traballo literario na construción desta novela. Sobre todo a metáfora do deserto. A da amnesia. Tiveron para min un valor especial. Teño reparado con frecuencia no silencio que a guerra nos deixou. Unha das peores consecuencias da Guerra Civil foi esa automutilación. Moitas das persoas que viviron aqueles días determinaron non falar nunca máis do conflito. O medo ás represalias non debeu ser o único motivo, aínda que moitas e moitos de nós coñecemos a alguén da nosa familia que, anos despois, seguía destruíndo as probas da militancia dos perseguidos. Outros, como os nenos que foron obxecto de tortura na persecución contra os seus pais, tardaron tantos anos en falar que a súa memoria esqueceu detalles de importancia e mestura os datos, mais deixa o esencial á vista. Mais se cadra non só o medo, a vergonza de pertencer a esta especie, capaz de facer dun mosteiro un campo de concentración e torturar as vitimas unha e outra vez até destruílas por completo e zugarlles todo canto tiñan, botou unha pesada lousa contra o pasado.

Mais calar ou esquecer non curan. Só repasar as cicatrices, saber de onde veñen e canto nos doen. Mesmo a través da literatura, apoiándonos nela, nesta fermosa novela, para atravesar ese deserto da memoria no camiño da restauración da súa, da nosa dignidade.

Xullo de 2012.

Artigo publicado en Sermos Galiza.

Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 21-07-2012 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática