acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Un berro retido
Leo o libro Infancia de vacas mortas, de Xosé Daniel Costas e comprobo que teño, polo menos, dúas cousas en común. Como Daniel “estou enferma do pan sen //cocer”. Como Daniel tiven a idea de realizar un álbum de poemas que ilustrara un conxunto de imaxes. Porque así naceu Infancia de Vacas mortas, como un conxunto de textos referidos a imaxes, que finalmente non puideron formar parte da publicación, mais que na presentación podemos ver, comprender, volver ao poema.

Que é Infancia de vacas mortas? O poeta responde: “interprétome coa linguaxe da fame //

mans que discuten o verbo infectado da inhibición.”

Dinos o autor que estes versos queren debuxar infancias roubadas e aniquiladas, infancias que non foron tal. E o certo é que o libro se abre cunha cita de Xoana Torres sobrecolledora “Ti es para min a terra dunha tumba //cumpridamente limpa de pisadas!!”, E a cita é como un aviso, a porta que no seu aspecto nos anuncia o interior.

Como lectora reparei nesa presenza reiterada da fame, que é a expresión da máxima pobreza, da denuncia da dominación e o sometemento.

Diciamos que os poemas naceron para falarlle ás imaxes, e atopamos en moitos poemas citas das Cousas da Vida de Castelao, como un elo que une pasado e presente: a ponte que se tende por riba dos séculos e dos pobos e pon en comunicación aos oprimidos, a sutileza dun berro irado que sitúa os conflitos e nos mostra, que para alén do tempo e do espazo hai unha realidade que nos une: a loita contra a opresión que é a loita de clases.

E entre eses retratos dos oprimidos e os negados atopamos Palestina: “que levabas na man para arrancarcha? Unha pedra tal vez, un soño construtor dun pobo”, e todos os pobos sometidos polo colonialismo: “cancro occidental: a colonización a depredación dos recursos”

Leo que na denuncia da infancia roubada a tantos nenos, o autor denuncia a colonización e o somentemento dos pobos

“un neno non pode sufragar a débeda económica

non pode ser consciente

ni ser alternativo e preciso.”

A denuncia da hipocrisía deste mundo globalizado no que os mesmos que rachan as vestiduras polas guerras son ao tempo os que poñen as armas nas mans dos oprimidos, para ver como engorda o seu negocio.

O poeta quere cambiar o mundo, mais non basta con dar ao papel as palabras que precisa, por mais que esas palabras sexan as necesarias para abrir as conciencias, cómpre tamén actuar.

a guerra mata aos poemas con pedras

mentres hai nenas

que soñan con revólveres prateados.

O libro está constituído por tres partes: Infancia de vacas mortas, Cegueira interior de espellos e Retratos. Como di o propio autor, a primeira e a terceira parte son poemas relacionados con imaxes. A segunda parte afástase levemente do ton de denuncia xeral do libro, o amor ocupa aquí un lugar, aínda que a denuncia segue presente, con poemas que recuperan conflitos acontecidos no XIX, e que ecoan neste presente de involución en que vivimos, así a represión contra os estudantes que en 1865 se mobilizaron en apoio de dous profesores universitarios cesados, Montalbán e Castelar, por ter criticado que se entregara a mans da Raíña o que debería ser patrimonio nacional. Nesta parte destacan os campos semánticos relacionados coa técnica, por exemplo os estados da materia, referencias explícitas Bernuilli, ou implícitas Farenhait. Nos poemas abrollan as referencias á tristura da música de Auber, á disidencia de Andrei Sinyavskiy, á mirada de Alberto Korda.

Un libro de retratos e denuncias, que aínda sabendo que non basta coa palabra, pon ante nós os poemas como

quen fai chegar

un berro retido

en mil farrapos


Artigo publicado en Sermos Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-07-2012 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática