acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O poder da poesía
O poder da poesía

Artigo publicado en SermosGaliza nº 1, nunha columna asignada á AELG en que irán colaborando as escritoras e os escritores. No meu caso, quixen resumir en 1600 caracteres como cheguei á escrita e canto me importa a poesía.

No meu caso a culpa foi dos cocos do queixo. Porque todo comezou cunha palabra. Que fai unha nena na mesa da cociña tentando ler nun libro de gramática?. Só un amor aínda non recoñecido polos libros pode explicar que unha cativa de oito anos lea na Gramática elemental del gallego común. Carballo Calero abrindo portas desde a distancia.
Poesía e lingua van unidas na construción da persoa, da adolescente que descobre que o poema lle devolve como un espello a realidade, destilada, ardente e terapéutica. E entre declinacións latinas e asembleas a decisión toma corpo e a palabra convértese en itinerario de futuro.
Sempre acreditei no poder da poesía. Os versos son o combustíbel necesario para seguir alimentando a máquina do progreso que nos leve a un paraíso en que a nosa lingua sexa A LINGUA, para sempre. E nós imos nese tren, atentos a que a locomotora non se pare.
Mais o papel en branco é un deserto e non hai estrelas suficientes que guíen o camiño. A contaminación dos tempos convulsos de hoxe impede a visión nocturna, e o poema morre de sede sen acadar o seu destino. Porque tamén a crise económica ameaza a poesía, xa débil de por si neste mundo mercantilizado. E non se decatan de que a poesía é como a vitamina D, esencial para regular os niveis de calcio e fosfato e evitar o raquitismo, aínda que desta volta non produza deformación dos ósos, senón algo menos visíbel, un déficit nutricional da alma que provoca desesperanza e nos deixa vencidas.
Sabemos que o sol é un antídoto ao raquitismo, así que saquemos a poesía á rúa, de boca en boca, memorizando versos, cantando. Como a moza que, para explicar por que estaba alí, loitando, fixo dun poema o argumento definitivo.

Xuño de 2012.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 13-06-2012 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática