acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A penitencia das urnas
Séntase unha diante do informativo da TVG e comeza sentir unha sensación de vertixe, e terei que pedirlle cita ao médico? Será do oído ou das cervicais? Das dúas cousas, porque non paramos de oír que sube a prima de risco, que lle baixan a cualificación ao estado español, que non se vendeu a emisión de débeda, que se Alemaña … e o pescozo xa non pode abaixarse máis. O peso da información. Da información que nos trasladan a través dos medios, perfectamente dosificada, como un veleno inoculado na dose exacta para que vaia facendo efecto co tempo.

Así fixeron con esta última andanada de recortes na Educación. É a estratexia da vacina, vannos metendo aos poucos as bacterias daniñas e cando te das conta o teu corpo xa neutralizou a reacción. O veleno e as bacterias xa forman parte de ti, até o punto de que se ti non viviches por riba das túas posibilidades seguro que o teu veciño si que o fixo, e vas á ventá e fíxaste, comprou un coche, viste como sempre, non se lle nota nada que lle baixaron o salario…

E é que teñen moita arte para envolver as mensaxes, e hai quen segue quedando co envoltorio sen abrir o paquete. Como na sanidade, o problema son os xubilados estranxeiros que veñen vivir aquí e claro, ao estar empadroados xa poden operarse do que queiran. E todo o mundo dicindo que non pode ser! Non pode ser! E con tanto non pode ser, cando se dan conta o que queda sen seguridade social é o fillo que ten na casa que non ten traballo e leva varios anos agardando unha oportunidade.

Hai que saber explicar as cousas, eles saben cales son erros sen intención e cales desmáns dignos de reprobación. Así, cambiar as cifras do déficit é un erro, porque en Madrid, Valencia e Castela e León levan anos facendo as cousas ben. Agora, se o bipartito seguise gobernando en Galiza, iso sería o maior desastre universal, xa nos aclaran eles, os gobernantes que hoxe nos desgobernan, que non poderíamos estar peor.

Tantos anos de misa para nada aprender. Se Santo Tomás de Aquino puidese falarlle na lingua dos contribuíntes deixaríalles claro unha vez máis que quen oculta a verdade mente, e por moi útil que sexa a mentira, non deixa de ser pecado e se é maliciosa o pecado é mortal.

Mais non esquezades que na súa moral católica, todo pecado precisa de penitencia. E esa chegará un día destes antes de marzo de 2013. Que non sexa por nós que non poidan emendar os seus pecados, esforcémonos.

Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 26-05-2012 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática