acuática


Vinte puntos de fuga
Segundo recolle Teresa Seara, editora deste volume, na súa introdución, en 2006 a editorial El perro y la rana propúxolle publicar en papel a antoloxía realizada para a revista virtual Enfocarte, engadindo catro autores máis. Deste xeito publicouse Veinte puntos de fuga, poesía gallega contemporánea en 2011, en Caracas.

Hai uns meses, as e os autores agardabamos coñecer a publicación, unha vez que esta lle chegase a Teresa Seara, mais aínda non foi recibido por ela ningún volume, e por tanto tampouco por nós, as vinte autoras e autores que figuramos no libro, como o título anuncia.

Mais nestas voltas que o mundo dá, sucedeu que un compañeiro do sindicato, Manuel Mera, estivo en Venezuela e alí foi agasallado coa tal antoloxía, que viaxou na súa maleta ao noso país. É así como chega a min este exemplar, da man de Manuel Mera.

O meu xeito de compartila é colocar aquí a súa portada e deixar escrito o meu desexo de que non tarden moito en chegar os exemplares que todos queremos ter. E agradecerlle a Manuel que me permitise coñecela antes que os demais.

Con esta autopoética ábrese a escolma de poemas da miña autoría:

Autopoética

Coma esa fonte, esa que nace nunha volta do camiño, baixo un castiñeiro.

A auga nace fría, moi fría, e percorre a pedra até chegar a unha folla de magnolio desde a que cae en fervenza contra o chan. De onde virá esta auga? Sei que vén de lonxe, dunha mina profunda no monte e que percorreu un longo camiño, entre a terra e as raíces, oculta á luz e ao coñecemento. Sei que naceu do paso do inverno, das chuvias que atravesaron a cúpula vexetal e empaparon a terra, empuxando os pequenos gomos ocultos.

Sei que escavou o seu leito unha e outra vez, durante días e días, unha e outra vez, unha e outra vez... sen deterse, buscando un oco para saír á luz e desbocarse, como as eguas que agallopan ese mesmo monte sobre o mar, fronte ás illas.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 02-05-2012 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CATEGORÍAS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 outras xanelas

Acuática
© by Abertal