acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Galego, todo o que buscas.
Hai uns días presentábase aos medios de comunicación o Correlingua 2012. O acto ten como obxectivo presentar a edición deste ano e dar os premios aos gañadores e finalistas dos certames do Correlingua. Así que alí estaba o alumnado do CPI Pontecesures (4º da ESO) gañador do certame de Manifesto, e os finalistas, o CPI Ponte Carreira de Frades, en Banda Deseñada os finalistas foron o CEE O Pino de Ourense e os gañadores o alumnado de infantil do CEIP A Laxe de Marín e, finalmente, os gañadores do certame de Vídeo o IES Mosteirón de Sada.

Este venres día 20, nas Xornadas de Lingua e literatura, falaremos novamente desta actividade escolar que dá voz á mocidade para que manifeste o seu desexo de vivir en galego.

Os meus parabéns a todo o alumnado premiado polo seu traballo e tamén ao seu profesorado por incentivar a súa participación nesta actividade.

Destaquei na presentación a capacidade das mozas e os mozos para poñer o foco nos temas que máis nos preocupan, e xustamente este ano os medios de comunicación estiveron no centro do discurso. Deixo aquí o manifesto dos Muxes radiactivos de Pontecesures, un manifesto orixinal, de calidade literaria e que sinala os puntos débiles e fortes do noso idioma centrándose na súa presenza nos medios de comunicación.

Moitas grazas!!


Manifesto do Correlingua 2012

Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios... enchen os anuncios por palabras dos xornais.

Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:


SERVIZOS


A mellor vidente de tarot de Galiza.Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.


COMPARTO PISO


Búscase univeritari@ que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.


FINANZAS


Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.


Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.


OCIO


Divírtete co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.


SEGUNDA MAN


Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.


DETECTIVES


Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.



POLO TANTO,


Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.

Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.

Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.

Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.

Vaite a OCIO, goza Galiza.

Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.

Vaite a Galiza, adora galego

Adórate, adóranos.

Se feliz: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS




OS MUXES RADIOACTIVOS
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 20-04-2012 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática