acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A ledicia de escribir
foto da wikipediaOnte volvín falar sobre a propiedade do texto. Que é da autora, que é da lectora, cal é o verdadeiro texto, canto se traduce no proceso creativo, como se compón o texto para conducir a lectora polo camiño da reflexión.

E hoxe, lía este poema de Wislawa Szymborska, que tan ben retrata o proceso creativo, as sensacións da autora ante o seu texto. O asexo dos "cazadores" sempre dispostos a matar a quen se expresa.

Tradución de Lucía Caeiros, edición de Positivas, Versos escollidos:

A ledicia de escribir

A onde corre, esta cerva escrita por este bosque escrito?
A beber da auga escrita
que o seu fociño reflectirá como papel carbón?
Por que alza a cabeza, escoitaría algo?
Sostida en catro patas prestadas pola verdade
por baixo dos meus dedos agudiza os oídos.
Silencio -esta palabra tamén murmura sobre o papel e afasta
as ramas causadas pola palabra “bosque”.

Enriba da folla branca axexan para saltar
letras que poden compoñerse mal,
frases cercadas
ante as que non haberá salvación.

Hai nunha gota de tinta unha provisión considerable
de cazadores cun ollo entreaberto,
preparados para baixar pola escarpada pluma,
para asediar á cerva, para apuntar o fusil.

Esquecen que isto non é a vida.
Outras, negro sobre branco, leis dominan aquí.
Un intre durará tanto como eu queira,
permitirá ser dividido en pequenas eternidades
cheas de balas detidas ao voo.
Sen a miña vontade nin unha folla caerá,
nin herbiña baixo se pregará baixo o punto dun pezuño.

Existe logo tal mundo
sobre o que controlo un destino independente?
Un tempo que ato con cadeas de signos?
Unha existencia constante á miña orde?

A ledicia de escribir.
A posibilidade de perdurar.
A vinganza dunha man mortal


Unha monada, 1967
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 15-03-2012 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática