acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A subversión do feminino
Artigo publicado este 25 de febreiro en Terra e Tempo:


Hai tempo xa escribín un artigo titulado "Literatura sen xénero". Nel comezaba recollendo unha idea de Luísa Villalta que sostiña que unha das evidencias da homologación definitiva de escritores e escritoras sería a da irrelevancia do sexo do autor/autora á hora de abordar a súa obra, escribir sobre un determinado tema, tratalo dun determinado xeito ... Naquel artigo no que tamén sinalaba que unha das características atribuídas á denominada Promoción dos 90 foi a importancia dun número crecente de escritoras, pretendía poñer os focos sobre o feito de que a incorporación de novos temas e novos tratamentos por parte das escritoras influíran na obra dos nosos coetáneos, como cando Rafa Villar dixera que se identificaba plenamente coas voces femininas do seu tempo.

Volvo ao artigo de entón, con motivo da lectura de As crebas, de Miro Villar, un fermoso libro sobre a incomunicación e a dor que o desamor nos deixa.

Neste poemario, Miro Villar utiliza con habelencia os recursos que as poetas trouxeron á poesía, imaxes e palabras que proceden dun ámbito marcadamente feminino, como é o doméstico, convertido agora en ferramenta para a construción de imaxes. Foi o que María Reimóndez chamou os materiais indignos, como o corpo feminino ou o fogar, e que ten un claro exemplo no poema "As sabas ao clareo": "Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos...".

Villar recolle no seu libro a subversión do feminino. En "Novelas de aventuras" fala das mulleres que len, das nenas que se entregaron ás novelas de aventuras e, malia non ser mulleres as súas protagonistas, imaxináronse sendo as heroínas das historias e na súa imaxinación levedou o desexo de afirmarse: "as mulleres que len foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos."

As crebas son os restos que deixou o amor ao rematar, anacos de madeira ou redes, plásticos descoloridos e inútiles, contaminantes, corpos esbrancuxados e fráxiles de equinodermos, cunchas gastadas pola erosión dos golpes que xa non servirán de acubillo e no medio dese caos sempre hai un obxecto que chama a nosa atención, ese que gardamos e que levamos canda nós.

Lin As crebas como unha longa elexía ao amor esquecido, un diálogo cun suxeito feminino ao redor do cal se constrúen os poemas. Un suxeito feminino que é unha muller perdida, illada, "A resposta está na illa do insomnio que te acosa até deixarte seca, tal outono sen chuvia", á que a voz poética convida á rebelión: "Ergue indomable, libre, contra a farsa dos hábitos, o consuetudinario costume da obediencia.", e á que lle reclama "non te chames Penélope", "non agardes o barco que leva nas adegas outra inmobilidade."

É un paso adiante na dirección correcta podermos falar hoxe de que as achegas das escritoras perténcenlle á literatura e son ferramenta que tamén os autores empregan na construción do texto literario, que xa non son exemplos illados e singulares os de autores que puxeron no centro do texto literario a realidade con nome de muller.

Mais mentres isto sucede no ámbito literario, no mundo laboral, no conxunto da sociedade, os sistema segue reforzando os seus mecanismos de sometemento. A publicidade segue estando destinada a facer de nós mulleres namoradas e desexosas de agradar aos homes aos que nos debemos entregar. Distraídas abrimos o domingo unha revista das que veñen cos xornais e metemos polos ollos acriticamente todas as páxinas dereitas nas que nos anuncian bolsos, perfumes, cremas... tantas cousas marabillosas para que sigamos estando estupendas, con esa pel perfecta e esa dentadura branca e ben colocada como a que vemos nas actrices das que xa non se sabe a idade. O premio a todo ese esforzo será sermos as protagonistas da nosa propia aventura en África, namorando ao perfecto Robert Reford. E deste xeito quen vai dedicar unhas horas libres de pensamento a reparar en que a nova reforma laboral permite supeditar a redución de xornada por lactación ou polo coidado dunha crianza ou dunha persoa dependente "ás necesidades produtivas e organizativas das empresas". Oprimidas e oprimidos pola crise nin reparamos en que os traballos feminizados non avanzan en materia salarial nin en dereitos, mesmo dentro da propia Administración pública que inexplicabelmente mantén ás traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar (moi maioritariamente mulleres) sen convenio laboral.

A literatura é vangarda e cómpre que as ferramentas e os lentes cos que as mulleres ven a realidade se universalicen en todos e cada un dos chanzos da realidade, porque como dicía Teresa Moure recentemente no artigo Nós, as inadaptadas (Sermos Galiza): "A ollada de xénero non é, finalmente, unha cuestión de mulleres" Parafraseando as súas palabras no ensaio A palabra das fillas de Eva, o feminismo é unha alternativa ao poder patriarcal, economicista, uniformizador, explotador, e por iso os homes non están excluídos, senón que son os compañeiros necesarios para que todos e todas transformemos esta sociedade, converténdoa nun espazo habitábel e de futuro.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 26-02-2012 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática