acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Neste lugar do mundo
Hai uns días falaba da publicación dun poema inédito no 2º número de La revista Áurea do Ateneo de Madrid, que dirixe Miguel Losada.

Cómpre dicir que neste número hai un capítulo para a poesía galega: "Cinco poetas en lengua gallega", no que se recollen poemas de Yolanda Castaño, Marga do Val, Maite Dono, Olga Novo e eu mesma.

O poema publicado foi o seguinte:

Neste lugar do mundo

aprendemos a lingua do colonizador
como se fose a nosa lingua propia
adestrándonos na súa áspera pronuncia
memorizando todas as palabras alleas
que couberon na cunca do leite con galletas

ensarilladas na súa torpe pronuncia
xogabamos alleas ás nosas propias vidas
sen nos recoñecer nos lugares que nos rodeaban
sen entender as voces nos camiños

foi un tempo de mundos paralelos
a televisión e a escola construíndo un futuro imperfecto
unha rúa que se afastaba dos valados e o ouvear dos cans
no retorno á casa afastada entre os piñeiros

mundos que non se tocaban
realidades diverxentes en que non había espellos
porque nos pariran protoalbaneis dunha vida nova
que xurdía da nada e descoñecía
que, exactamente, a colocara nese lugar do mundo

como espertamos? Picando as pernas nas pugas dos toxos
ou descubrindo a humidade das follas que durmían no chan
dos soutos?
como foi? Caendo sobre as laxes do chan no camiño vello
que levaba a un cruceiro abandonado ou esmagando morotes
nunha cunca vella tintada de viño?
botando sucre nas sopas de cabalo canso mentres o fume
invadía o espazo desde o centro da lareira?
arrefriando as papas de arroz coloreadas de canela moída?
ensaiando o amor mentres o frío se ía cravando nos ósos aínda non danados?

se cadra foi no barolo dos libros que non estaban nos andeis
porque non tiñan a encadernación de pel que os igualaba
para adornar o moble a prazos do salón
ou mesmo na soidade urbana nacida nun arrecendo a salitre
que chegaba nunha volta do vento
que non podía pulsar os laios das árbores ausentes

tal vez na humidade dos teus beixos nun xardín botánico calquera
onde as raíces vexetais profundaban nas nosas entrañas
para descubrirnos a un tempo
a saiba que nutría a súa altura de sombras reparadoras e cómplices

quizais entón
como maceiras novas enxertadas no estripeiro
recompuxemos as células leñosas e comezamos chuchar da terra
para preñar de flores brancas e rosadas, madurar despois
baixo o sol e a chuvia dos presentes sucesivos
aos que nos entregamos

foi así?, desaprendendo asperezas e halando
do fondo da memoria cada palabra pronunciada para que non escoitáramos?
foi así como recuperamos o sanguiño e as ervilles
o tormentelo ou o poexo?

a artesa gardaba o formento e a fariña terceada
até que erguemos a súa tampa e descubrimos
que aquel era o pan que nos saciaba
unha fame vella
que traíamos herdada na larinxe

garda sempre unha presadiña de masa
e sementa centeo e trigo, millo
para que a fame amaine
para que o vento encontre as árbores nas rúas
para que a rúa teña valados e cans que ouvean

para que xoguen a seren arquitectos
dun futuro que entenda as voces dos camiños
un futuro que se recoñeza
neste lugar do mundo
Comentarios (3) - Categoría: textos editados - Publicado o 20-02-2012 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Encantoume d#blgtk08#e verdade !.
Comentario por paideleo (26-02-2012 23:46)
2 Graz#blgtk08#as!
Comentario por Acuática (27-02-2012 08:54)
3 Atópeime neste poema, xa o gardo na#blgtk08# miña carpeta de poetas preferidos.
Comentario por Pilar (08-04-2012 22:41)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0