acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A identidade en Coetzee
Colonizadores bóers da wikipediaBaseándome na lectura de Verán, de Coetzee, escribía o artigo do mes pasado. Mais quedaba aínda outro tema da novela que me interesou particularmente e que agora deixo aquí:

A identidade.

Antes mesmo de reparar na idea central de que no estudo dun escritor a materia prima esencial e case exclusivamente necesaria é a obra (o cal non quere dicir que esa obra non se analice á luz do momento no que foi escrita, ben ao contrario, porque como todo é produto do tempo histórico e vital que lle tocou vivir ao seu autor), chamoume a atención o seu modo de se sentir sudafricano.

Ao longo do libro imos percibindo o que quedará definitivamente claro na entrevista da personaxe de Martin, a penúltima, a que nos achega definitivamente ao escritor. Coetzee é un sudafricano branco e iso é fundamental para entender a súa relación coa terra que o viu nacer e todo o que desta consciencia identitaria se deriva. Resúmeo así a través das palabras de Martin:

a nosa presencia naquel territorio era legal mais ilexítima ... Considerabámonos transeúntes, residentes temporais, e nese sentido sen fogar, sen patria

Eu aínda non lera unha definición tan consciente do colonizador. A persoa sábese invasora do lugar ao que pertence. Naceu alí, mais non debera ter nacido, pertence a un pobo que ocupou pola forza o país do que agora é cidadán. E non ten outra patria.

É se cadra esta consciencia identitaria o que crea o absurdo ao que o propio autor recorre para construír a novela. Coetzee, pai e fillo, son como Vladimir e Estragón agardando a Godot, só se teñen o un ao outro, detéstanse e necesítanse, desexarían estar afastados o un do outro, mais non poden separase nin sequera un metro. Sempre agardando polo que non chega, un sentimento de pertenza non invasora a un espazo, a un fogar. E esa é tamén a relación co país, con Sudáfrica, o desexo de irse (na novela moitos sudafricanos brancos están a agardar para irse vivir aos EEUU), e o magnetismo que Sudáfrica exerce sobre eles.

Os seus devanceiros, á súa maneira, e os meus á súa, traballaran duramente, unha xeración tras outra, a fin de despexar unha extensión da África salvaxe para os seus descendentes, e cal era o froito dos seus esforzos? A dúbida no corazón daqueles descendentes sobre o seu dereito á terra; unha inquietante sensación de que non lles pertencía a eles senón, dunha maneira inalienábel, aos seus donos orixinais.

Foi a outra visión de Sudáfrica, ben diferente da que percibín a través da novela doutra sudafricana, Nadine Gordimer.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 05-02-2012 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática