acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Flegma… galega?
Algúns medios de comunicación insisten na orixe do novo presidente de España asociándoa aos trazos do seu carácter: impasíbel, cauto, reservado…

Flegma… galega?

Como din no barrio en que nacín, ando algo escamada. Escoitaba o outro día na radio, cando o informante daba conta do secretismo que rodeaba a nómina de ministros e ministras, que o presidente de España actuaba coa súa "flema gallega". Quedei colgada da frase e non seguín oíndo a nova. Tal vez porque a palabra flegma non me remite directamente ao seu significado de impasibilidade.

Non souben como entendelo. Positivamente pola asociación aparente coa sempre adiantada Inglaterra? Negativamente, como unha versión requintada do vello dito de que as galegas e os galegos nunca se sabe o que imos facer, instalados como estamos no medio da escaleira?

Cando aínda non dixerira a antedita frase, na mesma franxa horaria, outro informante cualificou ao presidente de "gallego de pura cepa: cauto y reservado". E volvín quedar remoendo, sen saber que conclusión tirar. Mais outra vez imaxinei a reiterada escaleira. E tamén imaxinei a raposa. Vaia, que dei en pesar que todos eses circunloquios eran a forma de dicir: renarte. Por se non me quedara claro, na rede atopei unha definición da dita flegma galega aplicada ao entón candidato a presidente: "aquella flema tan gallega de fer força de la indefinició i la confusió".

Teño para min que esta proclividade a definir o ser galego por medio dos cualificativos asignados ao presidente de España só vén de comezar.

Fago memoria e non lembro que na chegada ao goberno dos presidentes anteriores se fixese fincapé na súa orixe e nos trazos do seu carácter que a ela se consideraban asociados. Así que me pregunto se non será o feito de ser galego o que fai que os medios españois procuren na seu comportamento un xeito de reafirmar os tópicos antigalegos coa intención de caracterizar negativamente o presidente. Outra volta os prexuízos mal disimulados.

É cousa de ver. O home que non deu cumprido un dos dous requisitos que, ao parecer, lle marcara o fundador do seu partido para "chegar alto", a saber, falar a lingua de noso, é agora analizado como modelo de personalidade galega, unha personalidade que se pretende resumir coas características de: excesivamente calmos, cautos e reservados. E eu que non me dou acomodado dentro destes cualificativos?

Isto si que é ironía, que agora nos poñan de modelo do que as galegas e os galegos somos a un home que vén a Galiza como calquera madrileño: a comer marisco, fumar puros cubanos (que por aí non se contaxia a revolución) e ver os touros como se estivese na mesmísima Sevilla. Éche ben galego, ou! E logo temos que lles aclarar aínda que non é iso o que por galego ou galega entendemos? Aínda non se decataron de que o deputado que xa é o presidente de España resultou electo cos votos da provincia de Madrid?

En fin, faime isto lembrar a Diego Sarmiento de Acuña, o home que ao ser nomeado Conde puxo no seu título a vila á que se sentía unido, Gondomar, facendo gala así da súa procedencia galega, malia non ter nacido no país. Diego Sarmiento, que acadou altos postos ao servizo do rei de España, declarouse sempre galego e chegou escribir unha longa carta en defensa dos galegos dirixida ao seu amigo Andrés de Prada. Aos que hoxe andan inventando unha identidade que aos galegos e galegas non nos corresponde non lles viría mal a lectura da tal epístola, na que o Conde lle lembra ao reino canto lle debe a Galiza.

Galegas e galegos sono os que a si mesmos se proclaman como tales dando voz á lingua que nos identifica. Só os que así se expresan poden ser esculcados na procura do que pode ser ou non cualificado como galego. E iso malia a insistencia dos desleigados en se negaren.

Déixense de escaleiras, que de flegmas e mal disimulado secretismo, ándalles o mundo cheo.

Artigo publicado en Terra e tempo
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-12-2011 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática