acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

NUNCAMAIS: UNHA LOBA DE MAR NAS AUGAS GALEGAS
Foto de Alfredo LópezA foca Nuncamaisiña apareceu o día 2 de xaneiro de 2003, aproximadamente as 13 horas, na praia de Arnela, Muxía.

Eu formaba parte do equipo da CEMMA que chegou recollela a Negreira, onde nola entegaron os compañeiros que viñan de Muxía. Estivemos horas e horas lavando nela.

Este foi o artigo que lle dediquei e que se pubicou en A Nosa Terra en xaneiro de 2003. Cando o escribía, non sabía que, malia os nosos esforzos, malia a nosa esperanza, Nuncamais acabaría morrendo envelenada.

O outro día dei en falar da memoria daqueles días e lembrei este artigo, que, outra vez por causa da memoria, recupero.


NUNCAMAIS: UNHA LOBA DE MAR NAS AUGAS GALEGAS


Desde o día 2 de xaneiro, case desde o mesmo momento en que se iniciou este novo ano, Nunca Máis non é só o nome da carraxe dos galegos e galegas, o berro que sae de todas as gorxas, é tamén o nome do pequeno animal que nos visita, que conmove o noso corazón ao mostrarnos até que punto é cruel a nosa desgracia.

Recolliamos o día dous unha foca, de a penas tres meses de vida, tintada de negro. Cando a vimos, pensamos que non se recuperaría. Con cada un dos seus pelos tan negro coma os seus ollos, arfaba con difiultade, envelenada polos gases do fuel que impregnaba o seu corpo. A pequena, como todas as da súa especie, abandonara a custodia materna para inspeccionar as augas do Atlántico e, deste xeito, chegou a Galiza, sen saber que nesta viaxe atoparía un inimigo no camiño.

Nuncamais foi recollida en Arnela, unha praia de Muxía, a mesma vila que enfrontou desde o primeiro día esta traxedia, gracias aos voluntarios da SEO, improvisados Xoáns Bautistas para a ocasión. Sete horas despois fregaban nela con aceite e xabón os voluntarios de todo o ano, os que todos e cada un dos días do ano saen ás nosas costas para saber deses seres que tanto nos atraen: os mamíferos mariños. Os mesmos voluntarios que levan xa varios anos devolvendo ao mar golfiños e focas que veñen ás nosas costas, feridos, cansos ou enfermos, voluntarios que seguen sendo anónimos para os gobernos, xordos á petición dun centro de recuperación para a fauna mariña e dun orzamento económico para esta actividade, tan necesaria e tan custosa. Autoridades xordas pero non invisíbeis, pois ben saen despois nas fotografías e nas reportaxes, cando a foca é unha vedette de interesantes réditos políticos. Son da CEMMA, pero poderían ser de ADEGA, SGHN, Gerrilleiros das Fragas, CES, FEG, etc, etc… Tantas organizacións ecoloxistas galegas que levan anos e anos loitando polo noso país, ignoradas ou desprezadas polo goberno, que non as ten en conta e que as ningunea nas actuais circunstancias, rendido ao arrecendo de Madrid que lles vén da man das organizacións españolas, ou chamando a especialistas estranxeiros que descoñecen a nosa realidade, a nosa natureza, e que fan un traballo que se podería facer con persoal galego perfectamente.

Os voluntarios, como dicía, fregaban con impaciencia para retirar da pel da foca o fuel apestoso o máis axiña posíbel, pois tan importante como limpala era conseguir que deixase de respirar esa sustancia. Nuncamais deixábase facer, a pequena loba de mar non ensinaba os dentes, deixábase rañar, dar a volta, fregar, coller en peso, baldear, cortar o pelo onde había ferida; deixou que lle fixeran un lavado de estómago, que a pinchasen unha e outra vez e logo durmiu para espertar renovada ao día seguinte, por fin libre de petróleo e selvaxe, disposta a medir a profundidade dos seus cairos en quen non fose do seu agrado.

E esta é a cifra da nosa esperanza, este o noso desexo máis firme, o de recuperar a nosa cor, a cor da area e do mar, a cor dos homes e das mulleres galegos. Nuncamais, unha loba de mar que inicia agora a súa recuperación, será tamén o símbolo da nosa salvación para este ano, como ela nós tamén precisaremos de coidados continuos e de vixilancia, para non esmaiar, para salvarnos para sempre. Se o consegue, Nuncamais abandonará estas costas para regresar á súa terra natal, probablemente Irlanda, e así recuperará a memoria da súa especie, será un individuo con futuro para a súa tribo, unha femia plena, nai de novas xeracións que agrandarán a súa nación. Coma ela, nós tamén deberiamos tornar con novas forzas ao noso ser, restablecer a nosa dignidade e ter unha memoria forte, que non esqueza a aprendizaxe destes días, se como Nuncamais aspiramos a ser nais de novas xeracións para un país con futuro, con identidade, deberemos afrontar a realidade e non deixarnos convencer por explicacións imposíbeis, por palabras torticeiras, comprobar cal era o amor á nosa nación que nun momento tan crítico coma este algúns nos profesaron. Agora máis que nunca non podemos esquecer, para que nunca máis …

Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 18-11-2011 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Que lle pasa a este pobo que non ten memoria?
http://a#blgtk08#eiradebalixe.blogspot.com/2011/11/hilitos-de-plastilina.html
Comentario por Eva G. Rei (01-12-2011 21:22)
2 perder a memoria ten matices froidi#blgtk08#anos... esqucer a dor, anestesiarse
Comentario por Acuática (03-12-2011 18:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática