acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Sylvia Beach
Fotografia da wikipediaComentaba días atrás que estaba a ler a Sylvia Beach. Pois ben, esta semana remataba de ler a biografía dunha americana que no ano 1917 chegou a París, onde o 19 de novembro de 1919 abriu a librería Shakespeare & Company. Aquel local foi, até o día en que pechou definitivamente, en 1941, durante a liberación de París, o punto de encontro de escritores americanos e europeos. E moito máis.

Un dos clientes asiduos de Shakespeare & Company foi James Joyce. Beach admiraba ao escritor e por iso, cando a súa novela Ulises comezou ter reiterados problemas para seguir a ser publicada por entregas, decidiu converterse en editora da obra, para o que realizou en primeiro lugar unha intensa campaña de subscricións co obxecto de garantir a publicación da obra. Seguindo o relato que ela nos fai, tratouse dun traballo inmenso que conseguiu ver a luz nos primeiros días de febreiro de 1922. Ulises non foi a única obra que publicou Beach, nin tampouco foi a única vítima da piratería editorial que xa entón se producía, daquela mediante a publicación de tiraxes que nada tiñan que ver nin co autor, nin coa editorial que os publicara un día.

Na fotografía, unha das que figura no libro, vemos a Beac entre Joyce e Adrienne Monnier, a amiga que a guiaría na apertura da librería desde a súa chegada a París.

A través de Beach coñecemos un Joyce de ollos enfermos, que non era quen de administrar debidamente as súas finanzas, sempre na última e sempre gastando canto tiña.

Mais outro dos autores de quen máis e mellor fala é o seu compatriota Hemingway, o que realmente liberou a rúa Odeon en que se atopaba a librería que fora desmantelada para que os nazis non secuestrasen os libros que até entón estiveran expostos á venta e ao aluguer, porque en Shakespeare & Company alugábanse libros, e ese fora o espírito inicial da librería.

Quixera reparar en dous datos. No feito de que nos anos 1920 e 21 un escritor como Joyce tivese que recorrer ao sistema de subscrición para publicar os seus libros, xusto como fixeran Rosalía ou Murguía sesenta anos antes no noso país. Tal vez hoxe, deberíamos considerar de novo este sistema, algo que, por certo, xa fai Espiral Maior.

O outro é que Ulises chegou á península a través da Revista Nós, en tradución de Otero Pedraio para o galego, no ano 1926. Este feito dános unha idea da modernidade da cultura galega, pois foi dese xeito como o Ulises chegou primeiro aos seus lectores, xa fose en inglés ou traducido.
Comentarios (2) - Categoría: A muller que le - Publicado o 31-10-2011 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Mais Shakespeare & Co. aínda existe. Creo que foi reaberta logo da Segunda Guerra M#blgtk08#undial.
Concordo coa estraxia da subscrición. É o tempo que nos tocou vivir.
Comentario por fumador (01-11-2011 18:02)
2 Por suposto e cando se visita París cómpre pasar tamén por esta emblemática librería, mais#blgtk08# abriu as súas portas nas mans doutra persoa que, ao morrer Beach retomaría o mítico nome.
Comentario por Acuática (01-11-2011 20:46)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática