acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Homenaxe a Eliseo Alonso
Foto de Natalia Jorge
Este sábado 22 de outubro, participei en Vilanova de Cerveira na homenaxe organizada polo Filminho en honra de Eliseo Alonso. O acto foi aberto por Helena Pousa que fixo un percorrido pola vida e a obra poética do autor, falando a continuación a súa filla Alicia Alonso, que ofreceu unha visión máis próxima.

Logo comezou o recital. Eu, que non coñecín a Eliseo Alonso, agradecín a realización do acto porque, como persoa e como escritora, valoro como moi importante a difusión e profundización na obra dos autores de noso, moi especialmente naqueles territorios onde viven os que compartiron tempo con el, ou os que sentiron falar da súa presenza.

Outros participantes falaron da súa relación con Eliseo, “Saito”, ou dalgunha anécdota da súa biografía. Esperanza Vázquez interpretou varias pezas musicais a partir de poemas do autor, o que foi para min unha auténtica revelación.

Gustei do acto, no que Helena reivindicou un día das letras para Eliseo Alonso, como medio de recoñecemento do autor e de difusión da súa obra. Saín de alí, da Porta XIII en Vilanova de Cerveira, coa intención de procurar os libros que na casa hai de E.A., como el dicía, e reler os seus poemas.

Velaquí o poema que lin:


BOLBORETAS NOS RECENDOS DAS LEMBRANZAS
Perdín ese puñado de tempo das miñas primaveras nesa primixenia condición espacial
De ledo e alongado tecedor de séculos
Afinando o ouvido e sentindo as marés dos meus días orfo
A miña alma salgada en bágoas de irtos mananciais
Estrearía abraiados sentimentos.
A norte fora perante moitos anos unha ausencia inexplicable,
Un loito súpeto que saía a ferver
Daquelas tinallas de tintura negra que revolvían mulleres silandeiras.
Esmagado en min,
Eu era un fuxido dos días e das xentes,
Un eixo de mágoas
Que buscaba axuda nas cousas máis humildes:
Os cortizos das abellas, o lene acougo da almuíña,
A arboreda runxidora plantada por meu pai,
Ou, ou,os arrolos do pombal
Ou o xirri-xirri da paxuriña verde nas maceiras.
Gridos de agarimo e dor enchían de adeuses feridores
Outras resoates harmonías mozas
Que me daban consolo na surrisa de pedra daquela muller soedosa
Que puxeran nun esquecido sartego da igrexa vella
E que polas tardiñas me quería dicir algo
Desas mortes que son perdidas bolboretas nos recendos das lembranzas
Das namoradas que un día se foron cara a un nunca.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-10-2011 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática