acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Beach e Monnier
A vida ás veces segue camiños inexplicábeis.

Manuela e eu estamos de aniversario o mesmo día. Este ano eu esquecín o seu agasallo, mais ela non esqueceu o meu. Encargoulle a Aida que buscase algo acaído. E atopouno. Cando abrín o paquete non puiden deixar de soltar unha exclamación de sorpresa e alegría. Dentro estaba Rue de l’Odéon, o libro de Adrienne Monnier.

Eu estou a ler as memorias de Sylvia Beach, outra libreira parisina, propietaria de Shakespeare & Co, a librería que visitei en decembro de 2009 e que tanto me impresionou (aí estou entrando nesa borrosa foto do móbil). Tanto, tanto, que no pasado aniversario me regalaron as memorias de Beach, que aínda agora comecei ler. E cando estou nestas, sabendo das estratexias que seguían para vender os libros, ou das peripecias para a publicación do Ulises de Joyce, vai e me agasallan o libro de Monnier, a amiga de Beach, a que a acolleu e lle aconsellou como pór en marcha a súa propia librería.

Por Shakespeare & Co e por La Maison des Amis des Livres, as librerías de Beach e Monnier respectivamente, ambas as dúas na Rue de L’Odéon, pasaron André Bretón, Samuel Beckett, Ernest Hemingway, James Joyce… e moitos outros.

Agora vou ter un libro máis para coñecer aquela época, para saber tantas cousas que, aínda que parezan distantes no tempo e no espazo, botan luz sobre a nosa realidade, axudándonos a interpretala.

Grazas aos que me agasallades o que máis me gusta.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 07-10-2011 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática