acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Despois da medianoite
“… A xente soubera unha vez que unha moza musulmá da vila se namorara dun mozo hindú. Ao mo mozo botárono e o jamaat reuniuse e tomou unha decisión sobre a moza. Todo o mundo acordou que os pais tiñan que darlle veleno e matala. Os pais, logo, obrigaron á moza a envelenarse e soterrárona de inmediato, Todo o mundo sabía que a tumba se cavara de antemán de xeito que nada diso chegase á policía.”

Este fragmentos de Despois da medianoite pareceume especialmente estarrecedor. Agora que o copio, lembro a reportaxe do National Geographic titulada “demasiado novas para casar”, na que a xornalista Cynthia Gorney tenta trasladarnos a conmoción que lle producían os feitos e as historias de que era testemuña. Tamén na reportaxe se falaba de que chegaban casar as nenas en grupos e á noite evitando que a nova puidese chegar a coñecemento da policía, malia non significar isto que se fosen tomar medidas contra quen promovía e consentía tales matrimonios das nenas.

Precisamente os matrimonios das nenas é un dos temas de Despois da medianoite, de Salma. A novela comeza con Rabia, fío condutor que nos vai trasladando os sentimentos dunha nena que aínda non chegou á pubertade, mais que se aproxima. Imos vendo como se vai pechando sobre ela a ameaza do illamento ao que todas as mozas, unha vez que teñen a primeira menstruación, deben someterse. Ao redor dela aparecen outras mulleres e con esta manta de cores imos compoñendo a imaxe dun mundo tan distante e, ao tempo, tan próximo.

Lembro que na xuntanza que mantivemos con Salma, cando estivo en Galiza, nun obradoiro organizado por Implicadas en Vigo, coincidimos en sinalar que as lacras da sociedade patriarcal seguen presentes en todas as sociedades, indepentemente do lugar, do grao de desenvolvemento ou da relixión. Hoxe seguimos suxeitas á maledicencia, aos xuízos constantes, a unha vixilancia que quere que sigamos relegadas. Que ninguén pense que aquí e agora non existe un integrismo relixioso ou unha moral maioritaria que nos condiciona.

Sacando o nome das comidas, as festas, a calor, os saris... podería estar falando de aldeas galegas, de mozas que chegan á vida en parella asumindo unha relación desigual, que asumen que as cousas son así e punto, que aínda non comprenderon que hai outra forma de vivir e compartir a vida.

Desta lectura gocei este verán. Foi especialmente grato poder lela en galego, grazas á tradución de María Reimóndez.


Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 31-08-2011 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática