acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

De Anxel Casal a Rosalía de Castro. Roteiro literario por Compostela
Fotografía realizada por Tokio
Cheguei a Compostela no outono de 1987. Entón, a pegada da chuvia nas rúas de pedra, as gárgolas que agardaban no bordo da noite, fixeron nacer os poemas que logo conformarían o libro Crear o mar en Compostela:

“Un arrecendo de escumas agarda nos recantos
e as imaxes das baleas van detidas nas pedras.
O aire está salgado neste soño
de crear o mar en Compostela.”


O pasado 16 percorrín as rúas da cidade non para realizar o papel dunha guía turística ou histórica, papel que entendo que non me correspondía, senón para relatar con que ollos vin a cidade, que significou para as e os escritores da miña xeración, ou como as rúas que pisabamos foran escenarios literarios.
Saímos da Biblioteca Anxel Casal lembrando ao derradeiro alcalde republicano de Compostela a través dos ollos de Manuel Rivas que o sitúa na prisión da Falcoa en O lapis do carpinteiro.
Parada en San Francisco para reivindicar unha placa explicativa para o monumento de Asorey situado ante a igrexa e botar unha ollada á Facultade de Medicina, escenario do movemento estudantil do 68: “Celso Emilio foi tamén un dos protagonistas incuestionábeis do primeiro Recital da Nova Canción Galega –de onde sairía despois o grupo Voces Ceibes-, celebrado no paraninfo da Facultade de Medicina o día 26 de abril de 1968, ao que asistín, afervoado como o resto dos preto de dous mil estudantes alí congregados. Viñamos de case dous meses de folga e manifestacións, que continuarían un tempo máis...)”, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Memoria de poeta.
San Martiño Pinario: refuxio dos seguidores de Solís, escenario de Festina Lente, de Marcos Calveiro, lugar no que se encontra a imaxe de “Santa Escolástica” que inspirou o poema de Rosalía de Castro, do mesmo título.
Rúa da Troia: lembranza do Castelao estudante e tuno: “Na miña primeira mocedade dina da Casa da Troya, cando a miña ialma sofría de xarampón e non pensaba máis que en saír de tuno tocando a guitarra polas rúas, fixen os primeiros debuxos humorísticos…”, Castelao, “Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura.” A través de Manuel Rei Romeu.
Praza de Cervantes, antes chamada do Pan ou do Campo, escenario literario de O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre, López Ferreiro en A tecedeira de Bonaval, Arredor de si, de Otero Pedraio ou lugar en que Luís Seoane coloca a fogueira para as bruxas, no seu poema “A meiga belida”, do libro Na brétema Sant-Yago.
Praza da Universidade: lembranza da lectura da tese de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro en xaneiro de 1988. Hoxe, fronte á Facultade de Historia, no edificio que ocupa o ILGA, desde o mes de maio de 2011 por fin existe unha placa que dá conta de que Rosalía de Castro viviu naquel edificio. Lembranza tamén da translación dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres e da súa rememoración en 2010.
Praza de Mazarelos, din Os Miragres de Santiago, tradución dun dos libros do desaparecido Códice Calixtino: “As entradas das portas son septe: a primeira entrada he a porta do camiño françes; a segunda he a porta da Pena; et a terçeira he a porta do Santo Romeu que vay para a treydade; et a quarta a porta de Fageiras que vay para Padron; et a quinta a porta da Mamoa; et a seista he a porta de San Françisco; et a septima he a porta de Maçarelas por hu entra o preçioso viño aa çidade de Santiago.”
Lembramos tamén que aquí estivo a Facultade de Filoloxía, onde se iniciaron os estudos académicos sobre a nosa lingua e onde impartiu aulas Ricardo Carvalho Calero, o autor da Historia da Literatura Galega Contemporánea, aínda vixente.
Na Rúa Nova lembramos os primeiros pasos da que logo sería a promoción poética dos 90, a primeira representación do grupo de teatro de galego en 1988, representando O incerto Señor Don Hamlet dirixidos por Roberto Salgueiro, onde actuei en compañía de Artur Trillo ou Paulo Rodríguez. Ao outro lado o que un día foi o Restaurante Rúa Nova, hoxe O Galeón, onde naceu a cooperativa poética Letras de Cal e onde se presentaron varios dos libros daqueles poetas dos 90.
No Toural lembramos a descrición que as personaxes de Reigosa fan en Crime en Compostela, ou a Carvalho Calero paseando con Castelao e falando dunha obra de teatro que logo sería Os vellos non deben de namorarse.
Rematamos na Alameda escenario desde 1820 da reivindicación da nosa identidade, pois neste lugar se sitúan os Diálogos da Alameda de Santiago, escritos anonimamente e en galego e que son arengas en favor dos liberais e contra os absolutistas. Na mente a estatua de Rosalía e uns versos do poema “Adeus” de Follas Novas, aos que lle respondo:


“Cando volver, se volvo, tod'estará ond'estaba,
Os mesmos montes negros y as mesmas alboradas
D'o Sar e d'o Sarela, mirandose n'as auguas,
Os mesmos verdes campos, as mesmas torres pardas,
D'a catredal severa, olland'as lontananzas:”


E si
todo está onde estaba, os montes aínda negros,
as mesmas alboradas sobre os muíños secos
e cansos do Sarela. O mesmo aire severo
da catedral que segue mandando en terra e ceo
Mais xa non tantos campos, nin tan verdes vexo,
e a túa lingua, a nosa, ai, esa si!, desprézana os mesmos.


Imaxes do roteiro.
Comentarios (2) - Categoría: Roteiros literarios - Publicado o 25-08-2011 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 De seguro medreceu a pena, mág#blgtk08#oa que non o gravara en vdieo.
Comentario por Hermaco (26-08-2011 14:03)
2 Ui! Logo dáme v#blgtk08#ergonza verme!
Comentario por Acuática (28-08-2011 00:33)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática