acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Cabana de Balieiros
“Unha tarde calquera, no camiño de Cabana de Balieiros, un camiñante e a súa montura gozan da brisa mareira que está a piques de converterse en vendaval de borrasca e chuvieira. O chasco cantaruxa ás derradeiras raiolas da luz do día.
-Mira ti, por estes camiños perdido, facéndose de noite e enriba chovendo... Pensei que chegaría antes. Se non me entretivese...”

Este é o inicio da novela gráfica, como se chaman agora, de Tokio. Quen fala é o cura Telmo que se dirixe ao seu novo destino, unha vila da costa galega afastada en todos os sentidos, un lugar que, como di o autor no Anexo enciclopédico “só existe na imaxinación. Creouse ao longo de moitos anos e baseouse en feitos reais ou imaxinarios que forman parte da nosa memoria colectiva.”




Na presentación, Tokio convidounos a buscar ese lugar, a identificar para cada un de nós onde puido ser posíbel esta fición protagonizada por un cura novo que nada sabe do mundo real, Telmo, e unha muller que representa toda a forza que as nosas avoas sempre tiveron, Celtia. Nesta historia todo ten unha explicación e un sentido e até o nome dos protagonistas ten un significado: o patrón dos mariñeiros, un santo galego e navegante, e unha muller que resume no seu nome a procedencia dun pobo.

Ao lado dos protagonistas, o Inclés, unha personaxe que iremos descubrindo ao longo da historia, tanto polos segredos da súa biografía, como polas súas arelas de futuro.
E o futuro, o trunfo da colectividade, do ben de todas e todos por riba dos intereses individuais é, para min, a cerna desta historia, unha historia imaxinaria que se constrúe sobre a realidade dos naufraxios do Adelaide e do Serpent, sobre o enterro dos mariñeiros deste último buque no Cemiterio dos ingleses, sobre as lendas de raqueiros e sereas... Como dixo Tokio na presentación: a historia do mar que está por escribir. Unha historia en que as mulleres ocupan o papel que lles corresponden e demostran toda a forza que sempre tiveron.

Cabana de Balieiros é, dalgunha maneira, unha contribución, unha homenaxe á historia de tantas vilas mariñeiras, a condensación, nun espazo e nun tempo, da nosa propia historia, a das galegas e os galegos.

Unha lectura moi recomendábel.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 23-08-2011 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática