acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

habitar en paz este planeta
O sábado fomos ao cine. Esa mañá escoitamos un comentario sobre “A orixe do Planeta dos Simios” que facía o filme apetecíbel, e nós xa tiñamos algo de gañas de velo. Así que para combater a poalla de agosto alá fomos.

A película non ten nada de particular. Moita publicidade e nada máis. Mais o que me interesaba dela, o que me gustou, foi o debate que propicia, a reflexión. Tanto O planeta dos Simios como esta nova entrega permítennos dialogar sobre a supremacía da especie humana e a súa falta de respecto a outras especies, especies que teñen os mesmos dereitos de habitar en paz este planeta.

Creo que o que máis me gusta destas dúas películas é que cambian os papeis, é dicir, que nos sitúan a nós no papel da especie subordinada, secundaria, menos intelixente, utilizábel, por tanto, para a escravitude ou a experimentación científica. É dicir, ponnos na pel dos outros, unha das miñas tácticas favoritas para comprender as dimensións da realidade.

O outro día lin no Quercus de agosto o artigo "La poesía del conocimiento" de Martínez-Abraín, que reflexionaba sobre que o coñecemento científico é tamén un coñecemento poético que preserva a maxia da realidade, mais tamén dicía que nos permitía comprender que estamos en pé de igualdade con outras especies.

E todo isto vén a conto estes días, para situármonos, aínda que sexa coa imaxinación, tras a pancarta inspirada nas palabras de Castelao: “Lástima de bois!”

O artigo de Martínez-Abraín fixo que escribise un poema. O tema levábao dentro. Algunha vez xa falara diso. Calquera pequeno pretexto fai que volva a el. Curiosamente comprobo na rede que o autor do artigo de Quercus, o biólogo Martínez-Abraín é tamén poeta. Traduzo un poema seu

CRECER
Podería morrer mañá
e ter vivido unha vida de cans,
co meu único corazón mordido,
co meu único cerebro atado.
Prométovos
vísceras e órganos meus
que morreredes medrando e libres,
como a ondas do mar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2011 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática