acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Tamén navegar, antoloxía
Este sábado día 2 presentouse en Carril, no marco do X Encontro de Embarcacións Tradicionais Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais. A edición foi de Francisco X. Fernández Naval, e editouno Toxosoutos.

No recital de presentación estabamos Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias, Cesáreo Sánchez e eu mesma.

Foi un recital diferente. Na praia, descalza, cun público que agardou por nós enterrando as cadeiras na area, e unha pequena nube de fotógrafos ao final que querían retratarnos a todos xuntos.

Un fermoso libro que dá conta, de como a realidade que nos rodea está dentro dos nosos versos.

No recital lin este poema, que fora escrito con motivo dunha homenaxe aos represaliados no Condado na illa de San Simón, no ano 2006 e que logo, retocado, foi publicado na antoloxía Volverlles a palabra:

En memoria de Aurelio Dacosta Alonso, Xesús Alonso Covelo e Alfredo López Soto.

Avós

Con eles esvaeuse
o mapa que a memoria
precisa na procura
da dignidade oculta,
nas décadas escuras.
Os meus avós calaron.
Cada día calaron
esa historia ocultada
en que foron vencidos.
Unha historia de morte,
historia de presidio,
de sangue e de fuxidas
ao monte clandestino.
Na nosa estirpe están
eses días de espanto,
todo o que non dixeron,
agochados no monte,
medrosos na gamela
que non salvou a illa,
que só levou palabras
atravesando a ría
no segredo máis longo
que nunca se revela.
O medo fechou bocas,
os fillos non souberon,
nós non imaxinamos
canta dor frecuentou
os días que estiveron.
Agora interpretamos
aqueles días escuros,
comprendemos, agora,
tanto silencio e actos,
e xa non calaremos.
Na rede halaremos
imaxes do pasado,
cada unha das pezas
deste crebacabezas
que cómpre construír,
para recoñecernos.
Hoxe falamos nós
para que a súa memoria
brille sobre o silencio,
para deixar escrito
que o seu era o camiño,
a palabra máis certa
que trae a luz do día,

tesouro de futuro.


Agosto de 2006.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 03-07-2011 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática