acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Mexan por nós e outros din que chove
foto da CIG-EnsinoMexan por nós e outros din que chove

Hoxe pola mañá, mentres conducía cara ao traballo, por certo un requisito non escrito que ten o persoal docente, pois podemos tardar anos en acadar un destino próximo ao noso domicilio (eu tardei oito anos e estou a 16 Km.), escoitaba o debate da RG. E comprobei con estupor que algúns contertulios falaban da problemática xerada respecto da nosa xornada de traballo sen teren o máis mínimo coñecemento de cal era o problema. Mais falaban para diante, e opinaba que tiveramos unha reacción desmesurada ao mobilizarnos e ao anunciar que setembro vai comezar con manifestación e folgas.

Tan difícil é ir ás fontes? Ou é que non se quere saber cales son as razóns que nos levan a opornos a que nos modifiquen as condicións de traballo, algo que por certo faría calquera traballador ou traballadora? Porque calquera traballador ten dereito por lei á negociación colectiva e modificarlle as condicións de traballo ten que ser negociado e, se non é así, é motivo de demanda. Mais nós non temos ese dereito e a actitude da Consellaría néganos a simple negociación.

Entón, nunha cafetaría ou nun medio de comunicación unha pode escoitar opinións insultantes co profesorado por parte de persoas que descoñecen como é esta profesión e a que dedicamos as horas do día as persoas que impartimos docencia.

Non sei se vén a conto dicir que acabamos por dedicarlle ao ensino máis de corenta horas semanais, que por cada hora de clase que dámos detrás hai horas de programación, porque hai que preparar o que se vai dicir, como se vai dicir e pensando como se vai avaliar. Horas de estudo, si seguimos estudando ano tras ano, algo necesario se queremos estar á altura. Horas de imaxinación, aínda lembro que estiven días a maquinar como lles explicar a colocación dos pronomes aos meus alumnos de Diversificación curricular e acabei inventando un xogo con fichas de cores intercambiábeis e que até lles resultou algo divertido. Horas de diálogo procurando eliminar conflitos, como cando un alumno de 4º tivo que ser amoestado por se pelexar cun compañeiro nun corredor e a amoestación consistiu en pasarse unha tarde enteira no centro, para o que lle tiña que encomendar algunha tarefa. Non tiña no horario esa tarde, mais alí estiven, a tarde enteira falando con el, razoando, explicándolle por que non podía manter eses comportamentos, canto agardaba del o futuro. Debeu ser o castigo máis duro da súa vida. Aquel rapaz conflitivo deixou de selo, se cadra simplemente madurou. Horas no centro, horas na casa, horas no centro de formación, como cando pasaba a mañá enteira coas súas seis clases no instituto e despois de comer saía pitando para o CEFOR de Vigo (total 80 Km. no mesmo día) para asistir a un curso que me levaba a tarde enteira. Calquera de nós poderá contar iso, ou que cando os demais pensan que estamos de vacacións podemos estar facendo cursos de formación (os de idiomas no estranxeiro son en xullo), nos tribunais das opos, ou no propio centro, como fan todos os equipos directivos e moitos profes.

Sempre foi máis doado criticar ao do lado e botarlle a el a culpa que enfrontarse coa realidade. E deste xeito os dereitos convértense en privilexios e esquecemos que transiximos cunha Constitución que recolle no seu artigo trinta e cinco que temos dereito a un traballo libremente elixido, cunha remuneración suficiente para satisfacer as nosas necesidades e as da familia. Desde cando non se nos aplica a Constitución?

E coma sempre invocan a sacrosanta crise para seguir recortando no público e agora hai que cambiarnos as condicións de traballo. Mais cando se anunciou a substitución dos libros por estar e galego ou cando se fixo a campaña da enquisa para recortar horas da nosa lingua, daquela non había problemas económicos, aínda que xa estabamos en crise. Por non falar doutras campañas e medidas, por non falar de que segue habendo centros privados que se sosteñen co meu e co teu diñeiro ou que nalgún deles non poden xuntar os nenos coas nenas porque horror! Podería pasar algo…

Estou cansa e enfadada.

E mentres mexan por nós e hai quen di que chove, o único que me reconforta é lebrarme dos meus alumnos, de Xoán que deixou de pelexarse, de Helena que lle costaba arrancar mais acababa aprobando todo sen problema, de Carme que xa rematou bioloxía e un día me dixo que eramos máis esixentes no instituto ca na Universidade, de Jhoni que me deu as grazas por permitirlle promocionar e facer un ciclo formativo, do seu compañeiro de aula que acabou devorando a Esmorga e amando a narrativa de Blanco Amor despois de ter pactado que un traballo sobre a obra permitiríalle aprobar o curso, de Pablo que me desmontou a estratexia do primeiro día dicindo que non era tan “dura” como aparentaba, de Verónica que agradecía que algunhas profes foramos esixentes e lles deixasemos as cousas claras desde o principio, de toda a clase de 4º enfadada co instituto que só necesitaba unha profe que escoitase, dos de 3º que non tiñan quen os acompañara ao Correlingua, de Eder que só pensaba na música, de Sandra que ten unha pequena e un día atopeina na piscina, de Bruno que sempre estaba enfadado, de Tecla que nunca falaba en galego, de Esteban que se sentaba na primeira fila e hoxe leva un comercio dunha marca coñecida, de Lino que está feito un profesional e traballa a calquera hora, de Ana que nos sorprendía coa súa intelixencia e xa traballa no mundo da tradución, de Carla que elixiu bioloxía a pesar de todo, de Roberto que agora me consulta no sindicato, dos que non lembro o seu nome e atopo na gasolinera cando vou repostar, de Iván que xa non está, … ou de Diana, que tomou a decisión de estudar filoloxía galega e ás veces, aínda me escribe.

Xuño de 2011.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (1) - Categoría: artigos - Publicado o 01-07-2011 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Un agasallo en: http://xmeyre.blogaliza.o#blgtk08#rg/2011/07/02/premio-sunshine-award-2011/
Comentario por xmeyre (02-07-2011 16:33)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática